concellos Denuncias Sanidade

Recortes de facultativos e abandono absoluto da consulta médica de Cartelle

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA OS “RECORTES” DO PP NA SANIDADE PÚBLICA DO MUNICIPIO, QUE PERDEU NOS ÚLTIMOS MESES UN DOS TRES FACULTATIVOS COS QUE CONTABA

Os socialistas tamén denuncian o “deplorable e lamentable” estado no que se atopa a consulta médica de Cartelle da que afirman que “está caendo a pedazos froito do abandono total que sofre”

Para o voceiro do PSdeG, Jesús Pereira, este modo facer política do PP “atenta contra o rural” e critica que a Feijóo “éncheselle a boca falando do rural, pero só recorta e desmantela servizos públicos”

Cartelle, 18 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia un novo episodio de recortes sanitarios na provincia, desta vez neste municipio ourensán no que levan máis de catorce meses agardando a que a xubilación dun dos tres facultativos cos que contaba o concello sexa reposta. Os socialistas explican ademais que en época estival a consulta de Cartelle queda sen facultativo, non podendo prestar o servizo á veciñanza que ten que desprazarse 20 quilómetros entre e ida e volta ata Outomuro para poder recibir atención médica.

Para os socialistas de Cartelle este é un exemplo máis da política de “recortes e desmantelamento sanitario no rural do Partido Popular” e critican que o rexedor Jaime Sousa e a senadora Carmen Leyte “miren para outro lado namentres se desmantela a sanidade no noso municipio”. Afirman tamén que a veciñanza está “moi molesta” coa situación e denuncian que o tratarse de xente maior “vense obrigados a pagar un taxi ou mobilizar a familiares e veciños para poder desprazarse ata o centro de saúde do municipio”.

A consulta de Cartelle abre en época estival dúas horas e só dispón de servizo de enfermaría, xa que os dous médicos que quedan no municipio dos tres que debería haber collen vacacións, polo que só se pasa consulta en Outomuro. O voceiro do PSdeG-PSOE no concello, Jesús Pereira, esixe a reposición “inmediata” do terceiro facultativo que lle corresponde a Cartelle e pide que en época estival “se teña en conta as vacacións dos outros médicos, para traer un substituto e non teña que pecharse a atención primaria na consulta da parroquia de Cartelle”.

Para Pereira este modo de facer política do Partido Popular “atenta contra o rural” e critica que ao presidente da Xunta de Galicia “éncheselle a boca falando do rural e da súa importancia, pero non move un só dedo para atender as necesidades da cidadanía, senón que opta polos recortes e o desmantelamento”. As críticas do voceiro socialista apuntan directamente tamén o grupo de goberno municipal do PP aos que acusa de “cómplices” desta situación por “permitir este desleixo cara a nosa veciñanza e non alzar a voz para defender uns servizos públicos dignos e de calidade para Cartelle”.

Críticas ao lamentable estado da consulta de Cartelle

Os socialistas tamén critican o “deplorable e lamentable” estado no que se atopa a consulta de Cartelle da que afirman que se “cae a pedazos” sen que o goberno municipal “faga algo por impedilo”. Esíxenlle ao alcalde e o Partido Popular que “toquen na porta da Xunta de Galicia para por fin a esta situación que tamén causa un profundo pesar na veciñanza”.

O voceiro socialista afirma que “namentres se dedica un obradoiro de emprego a pintar as cuadras dos cabalos da asociación cabalista do Mundil, de índole privada, o patrimonio municipal atópase totalmente desleixado”. Jesús Pereira explica que a situación no que se atopa a consulta de Cartelle “é terceiromundista con paredes sen pintar, cristais rotos e un abandono total da estrutura que corre risco de causar algún problema de gravidade en caso de desprendemento”.

Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle esíxenlle ao goberno municipal que se poña a traballar “con urxencia” para resolver ou buscar o apio da Xunta de Galicia para resolver “canto antes” tanto o estado da consulta médica, como a “reposición inmediata da praza médica que se perdeu pola xubilación dun dos tres facultativos cos que debe contar Cartelle”