Concello de Ourense INICIATIVAS

Solicitamos que Ourense se declare cidade acolledora para as persoas refuxiadas afgás

O PSDEG-PSOE solicita que o concello de ourense se declare cidade acolledora para as persoas refuxiadas afgás que están a fuxir do seu país tralo asalto dos talibáns

Os socialistas consideran que se trata dun “mínimo pero imprescindible xesto de solidariedade” ante a grave situación de emerxencia humanitaria que padece Afganistán

Instan ao bigoberno de PP e DO “actuar con responsabilidade” ante esta crise e reactivar o protocolo de acollida a refuxiados do Concello, paralizado dende o ano 2015

Ourense, 20 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE solicita que o Concello de Ourense se declare cidade acolledora para as persoas refuxiadas afgás que están a fuxir do seu país tralo asalto e toma de control por parte dos talibáns, un xesto de solidariedade que consideran “mínimo pero imprescindible” ante a “grave situación de emerxencia humanitaria que padece Afganistán”.

Os socialistas lembran que Ourense pertence á rede acolledora de persoas refuxiadas da Federación Española de Municipios e Provincias (FEGAMP), unha iniciativa que facilita a recepción e integración de “persoas en busca de asilo que foxen da guerra e o terror”, polo que instan ao bigoberno de PP e DO a “actuar con responsabilidade” e pórse a disposición da FEGAMP, da FEMP e do Goberno central para ofrecer cobertura ás persoas afgás que soliciten asilo.

Por outra banda, os socialistas solicitan a reactivación inmediata do protocolo de acollida a refuxiados do Concello, paralizado dende o ano 2015. “O anterior goberno do PP presumiu de ter un protocolo pioneiro en Galicia para a acollida de persoas refuxiadas que leva dende entón pechado nun caixón, polo que emprazamos ao alcalde e aos seus socios a poñelo en funcionamento, se realmente servía para algo”, manifestan os socialistas.

Dende o grupo municipal socialista reivindican o forte compromiso do socialismo coa defensa dos dereitos das mulleres en xeral, e en particular cos das mulleres e nenas afgás, como así se expresa nunha Proposición non de Lei rexistrada este xoves no Congreso por parte do grupo parlamentario socialista. Nela, os socialistas apostan por “unha política internacional decidida e eficaz para acoller estas persoas nos nosos países e liberalas da tiranía do fundamentalismo”.

Saúdos.