concellos Denuncias

Reclamamos a Feijóo e Baltar que poñan freo ás actitudes antidemocráticas do alcalde dos Blancos

O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O ALCALDE DO PP E O SECRETARIO DOS BLANCOS QUIXERON “SECUESTRAR A DEMOCRACIA” TRATANDO DE IMPEDIR A GRAVACIÓN DUN PLENO “ESTRAMBÓTICO”

A sesión plenaria que tivo lugar onte á tardiña foi un carrusel de insultos, desprezos e ataques contra unha concelleira da oposición e de trabas contra un xornalista que estaba a gravar os feitos

Os socialistas esixen a Núñez Feijóo e Baltar que poñan coto de «inmediato” a estas “actitudes antidemocráticas e ditatoriais” entre os seus rexedores e militantes

Ourense, 24 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia que o alcalde do PP dos Blancos, José Manuel Castro, e o secretario municipal quixeron “secuestrar a democracia” tratando de impedir a gravación dun pleno “estrambótico” no que o rexedor se dedicou a insultar e vexar á voceira da oposición entre gritos e desprezos. Ante un feitos “tan graves”, os socialistas reclaman ao presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, e ao presidente do PP provincial, Manuel Baltar, que “poñan coto de inmediato” a estas “actitudes antidemocráticas e ditatoriais” entre os seus rexedores e militantes.

A sesión plenaria que tivo lugar onte a tardiña neste municipio ourensán, na que o goberno local acordou atacar ata o desterro ao colectivo cultural Matrioska, foi un “carrusel de insultos, desprezos e ataques” contra unha edila da oposición. Tamén de trabas e sinalamentos contra un xornalista que estaba a gravar os bochornosos feitos. Ademais do alcalde e de concelleiros de PP, o secretario municipal –que chegou a dar golpes na mesa– tamén tratou de impedir que, tal e como amparan a lexislación e a xurisprudencia, se gravase a sesión aludindo á Lei de Protección de Datos Personais. “Os plenos son públicos e por suposto que poden ser rexistrados en vídeo ou audio pola corporación, o público ou os xornalistas”, lembran.

Un pleno extraordinario no que o alcalde dos Blancos aproveitou para facer gala da súa actitude “caciquil e antidemocrática” tentando impoñerse por riba dos presentes nunha actitude impropia dun cargo público. No transcurso da sesión plenaria que se estaba a celebrar para expulsar ao colectivo Matrioska do local que están a empregar no municipio, o rexedor José Manuel Blanco chegou a dirixirse a voceira socialista chamándolle “sinvergüenza e impresentable”, faltas de respecto que para os socialistas son “intolerables”.

“Feijóo e Baltar non poden consentir estas prácticas antidemocráticas, maleducadas e caciquís” que están “absolutamente fóra de lugar” e que amosan a un Partido Popular “instalado en prácticas decimonónicas e desprezables” con ataques á oposición e aos xornalistas. “Esiximos aos dirixentes do PP que actúen canto antes, para que esta situación de intimidacións, sinalamentos e ofensas por parte dos seus cargos non volva suceder”, advirten desde o PSdeG-PSOE antes de reclamar que ao rexedor e seus concelleiros que “pidan perdón”.