O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “IGNOMINIOSO E VERGONZANTE SILENCIO” DE BALTAR, VICEPRESIDENTE DE FEMEMBALSES, ANTE O BRUTAL BALEIRADO DOS GRANDES ENCOROS DE OURENSE
“É indignante que o vicepresidente da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros abandone así aos alcaldes, alcaldesas e a toda a veciñanza”, advirten
“Utiliza dun xeito persoal as institucións públicas da provincia, pero agora tamén as de fóra” coa “única intención de promocionar obsesivamente a súa imaxe” na “guerra interna do PP”, sinalan
Ourense, 24 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia o “ignominioso e vergonzante silencio” de Manuel Baltar, vicepresidente da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros (Femembalses) desde o ano 2016, trala “preocupación, inquedanza e alarma social” amosadas polos concellos e pola sociedade, ante o “brutal baleirado” dalgúns dos grandes encoros da provincia de Ourense, que están a executar empresas eléctricas desde hai semanas.
“O presidente da Deputación aínda non abriu a boca para falar dun asunto de especial gravidade, que preocupa a toda a sociedade e que o Goberno central está a investigar, tras abrir expedientes ás empresas concesionarias por un presunto turbinado excesivo”, denuncian os socialistas. “Por que non fala deste asunto? Que quere ocultar?” preguntan tras sinalar como “tras un lustro no cargo de vicepresidente de Femembalses, Baltar só quere ese título para presumir de postiños pero non para traballar”.
“É indignante que o presidente estea a dar a calada por resposta e abandone aos alcaldes, alcaldesas e a toda a veciñanza, ante este baleirado indiscriminado dos nosos ríos”, insisten desde o PSde-PSOE porque “nesas zonas hai alarma social”, tras observar en mínimos históricos algunhas grandes presas como Portas, Salas, Albarellos ou Cenza. “José Luis Baltar, sen ser vicepresidente de ningunha federación, seguro que xa se tería achegado ás zonas afectadas para defender a nosa provincia, pero Manuel Baltar non sae do centro da cidade porque está ocupado gravando vídeos de influencer para as redes sociais e facendose fotos de autobombo”, denuncian.
“É impensable que un dos máximos responsables da Federación Nacional de Asociacións e Municipios con Centrais Hidroeléctricas e Encoros estea silente e de costas ante o que está a suceder na súa provincia, deixando a súa sorte aos municipios afectados”, insisten os socialistas antes de resaltar que “as empresas produtoras de enerxía ganan, cada ano, miles de millóns de euros con estas concesións hidroeléctricas, mentres o presidente provincial ignora e desatende unha situación, a todas luces, irregular e indesexable”.
“Volve quedar claro que Manuel Baltar utiliza dun xeito persoal e partidista as institucións públicas desta provincia, pero agora tamén as de fóra” coa “única intención de promocionar obsesivamente a súa imaxe persoal” na “guerra interna que ten aberta coa outra metade do PP de Ourense”. O PSdeG-PSOE conclúe reclamando ao presidente da Deputación e vicepresidente da Femembalses que “deixe de presumir de títulos e cargos que só ten de adorno” e que “se poña a traballar realmente polos problemas do presente e polo futuro da provincia”.