O PSDEG-PSOE DENUNCIA O “CULTURICIDIO” LEVADO A CABO POLO ALCALDE DE OS BLANCOS TRALA SÚA DECISIÓN DE “EXPULSAR” AO COLECTIVO CULTURAL ESPAZO MATRIOSKA DO MUNICIPIO
Os socialistas denuncian a “falla de miras políticas” do Partido Popular ante unha decisión que supón un “serio revés” na dinamización cultural da veciñanza, “implicada” nestas actividades e talleres
A voceira do PSdeG-PSOE, Emilia López, defende o traballo do colectivo do que afirma “puxo no mapa un concello que só era coñecido pola gran débeda municipal e a corrupción”
Os Blancos, 24 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Os Blancos denuncia o “culturicidio” levado a cabo polo rexedor do Partido Popular, José Manuel Castro, e o seu equipo de goberno tralo pleno extraordinario celebrado na tarde de onte e no que aprobaron a expulsión do colectivo artístico Espazo Matrioska do local municipal que viñan empregando dende o ano 2014. Para os socialistas esta decisión é un “golpe mortal” a vida cultural do municipio e supón un “serio revés” na dinamización da mocidade e da veciñanza, implicada dende o primeiro día con este colectivo e que participaba activamente nas súas numerosas actividades.
Dende o Grupo Municipal Socialista critican que o goberno municipal do PP “non aposte de xeito decidido pola cultura e por apoiar a un colectivo que puxo no mapa mundial ao noso Concello, gracias a súa labor cultural e a actividades como o Festival Reina Loba, que atraía visitantes de diferentes partes do mundo”. Aféanlle o rexedor e o seu equipo de goberno a súa “falla de miras” e que se tomen decisións “pola porta de atrás, sen ter en conta a opinión da veciñanza”.
A voceira do PSdeG-PSOE en Os Blancos, Emilia López, aproveitou o pleno para defender o traballo do Espazo Matrioska do que afirmou “puxo a un concello só coñecido pola gran débeda municipal e a corrupción no mapa mundial”. A concelleira socialista aproveitou tamén para denunciar que con esta decisión de non renovar a concesión do local onde este colectivo estaba a traballar, o Partido Popular e o alcalde “están expulsando do noso concello a un colectivo mozo que dinamizou a vida cultural no municipio e que se involucrou cos Blancos ata o punto de chegar a fixar a súa residencia, atraendo ademais máis poboación, algo que o alcalde parece que quere tirar por terra”.
A voceira socialista aproveitou as súas intervencións para lembrarlle o alcalde e o seu grupo que “calquera concello estaría desexando asentar mozos e mozas con este dinamismo e traballo” e criticou que “non se busquen solucións alternativas para que o Espazo Matrioska poida dispoñer doutro local no que poder desenvolver o seu traballos e as súas actividades”.
Para os socialistas de Os Blancos esta decisión do rexedor ten un “cariz político e clientelista, na liña na que nos teñen acostumados”, posto que segundo denuncian todo ben motivado pola concesión dunha subvención ao colectivo por parte da Deputación provincial e ante a negativa dos mesmos a “facerse unha foto propagandística cos responsables da subvención”. Algo que o rexedor afeoulles publicamente os representantes do Espazo Matrioska presentes na tarde de onte no salón de plenos.
Un pleno extraordinario que tamén serviu para dar boa conta das faltas de respecto e insultos cos que o alcalde, José Manuel Castro Blanco, se dirixe a voceira socialista tales como “impresentable” ou “sen vergoña”. O rexedor tamén se chegou a encarar cos propios representantes do Espazo Matrioska, aos que chegou a dicirlles que “a cultura non é tan boa cando estades nunha situación precaria” ou que “a cultura non da diñeiro”.
Unha situación e declaracións que para o PSdeG-PSOE son “inaceptables” por parte dun representante público que ostenta o cargo de alcalde dun municipio tal e como quedou patente no pleno de onte, no que se demostra que o “modus operandi” deste alcalde e o seu grupo de goberno son as “faltas de respecto recorrentes, a falta de entendemento e compromiso cos elementos fundamentais da liberdade e democracia, a falta de transparencia ou o intento de impedir a prensa gravar libremente e desenvolver a súa actividade xornalística”.