O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN DENUNCIA O “FUME” QUE O PP TRATA DE VENDER CUN SUPOSTO INCREMENTO DAS HORAS DE PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR NO MUNICIPIO QUE NON SON TAL
As socialistas consideran que a Consellería de Política Social trata de correr un “tupido velo” ao afirmar que o 27 de maio se incrementaron as horas do servizo, algo que “é totalmente falso”
A voceira do PSdeG-PSOE, Lorena Peleteiro, aféalle ao goberno municipal que “miren para outro lado namentres os seus socios na Xunta desleixan aos nosos maiores e ao noso Concello”
Punxín, 25 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín denuncia que o Partido Popular vende “fume” ao afirmar que se incrementaron en 1632 a asignación de horas para a prestación do servizo de axuda no fogar no municipio, cando a realidade é que a día de hoxe segue sen prestárselle á veciñanza o servizo tal e como o teñen recoñecido. As socialistas consideran que a Consellería de Política Social trata de correr un “tupido velo” co fin de “enganar” a opinión pública cando afirman que o 27 de maio deste mesmo ano se incrementaron as horas, algo que segundo manifestan as socialistas “é totalmente falso”.
Dende o Grupo Municipal Socialista acusan ao goberno municipal de Punxín, conformado polo Partido Popular e un concelleiro non adscrito, de “mirar para outro lado namentres os seus socios na Xunta desleixan aos nosos maiores e o noso Concello”. As socialistas consideran “inadmisible” que un alcalde que ten a “obriga” de defender os intereses da súa veciñanza “mire para outro lado ante este atropelo”.
Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, esta situación e esta forma de actuar “son un exemplo máis do desleixo e abandono ao que nos teñen acostumados o alcalde e o seu equipo de goberno”. Acusa ao goberno municipal de “defender os intereses do Partido Popular por riba dos intereses dunha veciñanza que non está recibindo uns servizos básicos dignos como acontece coa axuda no fogar”.
As socialistas levan tempo reivindicando o incremento das horas do servizo de axuda no fogar no Concello, por riba das horas concedidas no programa individual de atención e evitar deste xeito as listas de agarda á veciñanza en situación de dependencia. Sen ir máis lonxe, o pasado mes de maio reclamaban a través de iniciativas no Parlamento de Galicia e a través dunha moción no Concello que se solicitara a Consellería de Política Social a asignación dun maior número de horas no servizo para cubrir a demanda existente e permitise a prestación dunha atención de calidade.
Peleteiro afirma que “levamos meses advertindo da escaseza de horas coas que conta o Concello para a prestación deste servizo” e apunta a que o alcalde e o seu grupo de goberno “deixan abandonada a veciñanza por non pedir ante os seus xefes en Santiago algo que é de xustiza”. Para as socialistas “é urxente” traballar “co fin de evitar listas de agarda” e volven a reivindicar a necesidade de que Punxín conte cun goberno “serio e que traballe a prol da veciñanza e non opte por darlle as costas”.