O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA QUE O ABANDONO E DESLEIXO DO PARTIDO POPULAR PON O MUNICIPIO NUNHA SITUACIÓN “LÍMITE” E ESIXE SOLUCIÓNS “URXENTES”
Os socialistas poñen o foco na parroquia das Teixugueiras onde varias vivendas se atopan en situación de derrubamento ante a inacción do Concello para pór solucións ou notificarllo aos propietarios
Para o voceiro do PSdeG, Jesús Pereira, a situación pon en evidencia a ausencia dun goberno municipal que “traballe a prol da veciñanza, se preocupe do patrimonio e realice as tarefas que lle corresponden”
Cartelle, 25 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia un novo episodio de “abandono total” e “deixación de funcións” por parte do grupo de goberno de municipal do Partido Popular ao que acusan de “desleixar” aos veciños e veciñas do municipio facendo “caso omiso” das súas reclamacións e demandas. Os socialistas advirten que a situación “é límite” e que a veciñanza está farta de reclamar melloras e que dende o Concello se traballe por dar solución aos “graves” problemas que presenta o municipio tales como a falta de limpeza, a ausencia de desbroces ou a situación de ruína na que se atopan numerosas edificacións.
Dende o Grupo Municipal Socialista poñen o foco na parroquia das Teixugueiras onde alertan que hai varias casas antigas en situación “moi precaria” e que supoñen un “grave perigo” para a veciñanza dado que presentan risco de derrubamento por mor do seu mal estado. Os socialistas son conscientes de que se trata de propiedades privadas, pero lamentan que dende o Concello “non se mova un só dedo” para notificarlle aos propietarios o perigo que isto supón e esixirlle que poñan solucións a estruturas que están a piques de caer.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereira, a situación pon en evidencia unha vez máis a ausencia dun goberno municipal que “traballe a prol da veciñanza, se preocupe do patrimonio e leve a cabo os traballos necesarios para garantir a seguridade dos seus veciños e veciñas”. O líder dos socialistas no municipio acusa ao alcalde Jaime Sousa de “aparecer nada máis que para sacar fotos, namentres o municipio está totalmente abandonado e el e o Partido Popular totalmente ausentes”. Unha situación que segundo manifesta “ten a veciñanza moi preocupada e enfadada porque ven como a pesar de pagar impostos, estes non se reflicten na súa calidade de vida, nin en limpeza ou servizos dignos”.
Pereira esíxelle ao rexedor e o seu equipo que “tomen nota do estado no que se atopan as vivendas abandonadas nas Teixugueiras e procedan a notificar con urxencia a súa situación aos propietarios para que tomen medidas para paliar o risco de derrubamento”. O voceiro socialista advirte que a situación “é límite” e que calquera día “pode acontecer unha desgracia porque os tellados e os muros están caendo a pedazos”.
Os socialistas tamén denuncian que dende o goberno municipal levan 12 anos facendo caso omiso das reclamacións dos veciños e veciñas das parroquias das Teixugueiras, Couxil e Prado de Sande que reclaman unha concentración parcelaria. “Ninguén os atende, nin os recibe para poder aclarar un tema polo que levan moitos anos pelexando, o que amosa o desleixo co que o PP e os seus rexedores tratan a nosa veciñanza”, explica Jesús Pereira, que tamén apunta que para Cartelle “non sirve de nada ter unha senadora como é o caso de Carmen Leyte, porque non move un só dedo pola nosa terra e as súas xentes”.
A fonte de Pereda tivo que ser limpada pola veciñanza
Outro dos puntos candentes nas últimas semanas foi o estado das fontes e lavadoiros do municipio, totalmente abandonados e que presentaban unha imaxe “dantesca e impropia dun concello do século XXI”. A situación agravouse nas últimas semanas facendo que a propia veciñanza se mobilizase para limpar este patrimonio abandonado a súa sorte polo goberno municipal. Foi o caso da fonte de Pereda, na que os veciños e veciñas desta parroquia se organizaron para arranxar o pésimo estado no que se atopaba.
“O caso da fonte de Pereda clama ao ceo porque o Concello desbrozou os accesos, pero en lugar de recoller toda a broza e maleza decidiron botala no lavadoiro e na propia fonte enchendo os mesmos de maleza e provocando que a veciñanza se mobilizara ante esta actuación deleznable”, apunta o voceiro dos socialistas de Cartelle. Jesús Pereira critica que ante a “inacción, o desleixo, o abandono e a mala xestión do goberno municipal, ten que ser a veciñanza a que tome cartas no asunto para mellorar o patrimonio municipal”.
Os socialistas tamén critican que as pistas de acceso a parcelaria de Cartelle se atopen “totalmente a monte” e sen realizar uns servizos mínimos de limpeza para que a veciñanza e maquinaria poida circular sen problemas. Unha situación que non é nova e que acontece segundo denuncian “en cada recuncho do noso concello”.