O PSDEG-PSOE DE PEREIRO ACUSA AO ALCALDE DE “CRIMINALIZAR” A VECIÑANZA POLO USO DA AUGA PARA TRATAR ASÍ DE TAPAR A “NEFASTA” XESTIÓN DO PP NO ABASTECEMENTO E SUBMINISTRO
Os socialistas sinalan que a única irresponsabilidade na xestión da auga correspóndelle ao goberno municipal do que afirman “leva anos xestionando o servizo de forma incorrecta e irresponsable”
Pregúntanse “como vai ser posible dotar de subministro ao parque acuático de Monterrei que venden a bombo e platillo, cando a veciñanza está sufrindo restricións e limitacións no uso da auga”
Pereiro de Aguiar, 26 de agosto de 2021. O PSdeG-PSOE de Pereiro de Aguiar acusa ao alcalde, Luís Menor, de tratar de tapar a “nefasta” xestión do goberno municipal co servizo integral da auga do Concello, tratando de culpar aos veciños e ás veciñas por un suposto uso irresponsable que non é tal. Os socialistas critican que nun bando publicado polo rexedor se anunciaban restricións e limitacións do uso da auga, tanto para regar, como para lavar vehículos ou encher piscinas, permitindo só o seu uso doméstico, situación que causou un “fondo pesar” entre a veciñanza e empresas.
Dende o Grupo Municipal Socialista sinalan que a única irresponsabilidade na xestión da auga correspóndelle ao Concello do que afirman “leva anos xestionando este servizo de forma incorrecta e irresponsable”. Os socialistas apuntan que en Pereiro de Aguiar “non hai problemas de auga”, xa que segundo indican “abastécennos do río Miño, tanto o embalse de Velle, na ETAP de Melias, como da punto de captación situado no pavillón dos Remedios, na ETAP de San Cibrao das Viñas”.
Cabe destacar que este ano foi chuvioso, non existindo unha situación de seca, e que ademais o encoro de Velle no Miño, atópase cheo, polo que os recursos de auga “están máis que garantidos”, apuntan dende o PSdeG-PSOE de Pereiro. Os socialistas poñen o foco en que o problema “non é a auga, senón a xestión”, xa que tal e como relatan, “hai un depósito en Agra e Faramontaos, pero cada vez que se baleiran, hai graves problemas para volvelo a encher, a pesar de ter auga de sobra para a captación”.
Para a concelleira socialista en Pereiro de Aguiar, Luisa Bravo, a situación “é incomprensible”, xa que segundo afirma “hai auga de sobra para que toda a veciñanza do noso Concello dispoña dela, pero os problemas están na rede de abastecemento”. A concelleira aféalle ao rexedor que acuse aos veciños de “irresponsables” e sinala que “se trata dunha manobra do alcalde para tapar a xestión do Partido Popular coa auga municipal nos últimos anos”.
Bravo tamén apunta que o bando “está cheo de incongruencias”, xa que tal e como subliña, no mesmo afírmase que “outro dos motivos é o aumento de poboación”. Para a concelleira socialista isto non “é máis que unha escusa, xa que basta con ver o que acontece nos concellos do litoral de Galicia, que en época estival quintuplican a súa poboación e a pesar de elo, teñen o subministro de auga garantido sen limitacións”.
Dende o PSdeG-PSOE de Pereiro lémbranlle ao Partido Popular que no mes de abril presentaron unha moción para o seu debate en pleno na que instaban ao Concello a comprometerse a realizar unha auditoría sobre o servizo municipal integral da auga, desde a captación ata a vertedura, incluíndo o seu posible reemprego para regar, así como a realizar campañas informativas para fomentar o aforro de auga. Con esa iniciativa, os socialistas pretendían un uso máis “eficaz eficiente” do servizo integral da auga, que en Pereiro supón unha facturación ás familias por consumo superior aos 500.000 euros. Esta iniciativa sumábase a outras moitas presentadas polos socialistas en anos anteriores e como apuntan “tamén caeu en saco roto”.
Ante a problemática no subministro de auga, os socialistas de Pereiro pregúntanse “que vai acontecer co parque acuático de Monterrei, que nos están vendendo a golpe e platillo”, xa que segundo indican “se tantos problemas de auga hai no noso concello, cal vai ser o procedemento para dotar de subministro a esta instalación?”.