GOBERNO ESTATAL SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS

Celebramos que o Goberno de Sánchez impulse a variante norte de Ourense tralo “ninguneo e desprezo” do PP

PSDEG-PSOE CELEBRA QUE O GOBERNO DE PEDRO SÁNCHEZ IMPULSE DEFINITIVAMENTE A VARIANTE NORTE DE OURENSE TRALO “NINGUNEO E DESPREZO” Á QUE FOI SOMETIDA POLO PP

“Os trámites desta obra clave para Ourense só avanzaron grazas a gobernos do PSOE, fronte a un PP que foi unha trituradora de investimentos para a  provincia”, sinalan Abellás, Tizón e Bautista

“O Partido Popular é un muro contra o progreso de Ourense, levantado cos seus cargos electos que aplaudían con gozo aquela vergoñenta marxinación”, recordan os parlamentarios socialistas

Ourense, 7 de setembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense celebra que o Goberno de Pedro Sánchez impulse definitivamente a variante norte de Ourense, tralo “ninguneo e desprezo” a que esta obra “de vital importancia” para a terceira cidade de Galicia foi sometida polos executivos do PP. “Os trámites administrativos necesarios que culminan agora, só avanzaron grazas a gobernos socialistas e de progreso do PSOE na Moncloa, fronte a un PP que foi unha trituradora de investimentos para a nosa provincia”, sinalan o deputado socialista no Congreso, Adolfo Pérez Abellás;a deputada, Uxía Tizón, e o senador, Miguel Bautista.

A licitación do primeiro tramo desta autovía de circunvalación –unha das obras máis lonxevas dos Orzamentos Xerais do Estado– vén de ser autorizada no Consello de Ministros celebrado esta mañá, o que permitirá a súa execución inmediata. Tamén continuarán os trámites para executar os quilómetros restantes ata a ponte sobre o encoro de Velle e os primeiros tramos da autovía a Lugo, sinalan fontes gubernamentais.

“O PP, co beneplácito de Alberto Núñez Feijóo, Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome, que non reclamaron absolutamente nada durante os anos de goberno de Rajoy, son os responsables máximos de que as obras máis importantes de historia de Ourense estiveran en paralizadas e sen cartos”, insisten. Os deputados e o senador socialistas recordan que, durante o mandato de Rajoy, a tramitación estivo “conxelada” sen que se producise ningún paso relevante “máis aló de sacar o proxecto dun caixón para gardalo noutro”.

“O Goberno de Sánchez, sen maioría absoluta e inmerso na loita contra unha pandemia global realizou, en tempo récord, todos os trámites pendentes que os conservadores non fixeron, a pesar de ostentar unha maioría absoluta”, recordan os representantes parlamentarios do PSdeG-PSOE antes de advertir que “o Partido Popular é un muro contra o progreso de Ourense, levantado cos seus cargos electos na provincia que aplaudían con gozo aquela vergoñenta marxinación”.

Unha autovía “clave” para a terceira cidade de Galicia

A obra que hoxe autorizou o Consello de Ministros é un tramo “clave” de “vital importancia” para Ourense xa que, trala súa execución, permitirá liberar o trazado da N-120, con fin de converter esta vía no ansiado bulevar termal que deseñou o PSdeG-PSOE no goberno socialista da capital entre 2007 e 2015.

A lonxitude desta actuación con sección de autovía é de 1,7 quilómetros e ten a súa orixe no acceso norte da A-52, onde actualmente existen dúas calzadas separadas de dous carrís por sentido. A variante será executada conectando coas calzadas existentes, dando continuidade aos tráficos da N-120. O tramo finalizará na ligazón de Quintela, onde conectará de novo coa estrada nacional no punto quilométrico 572. Neste punto proxectouse un enlace provisional, que permitirá poñer en servizo o primeiro tramo con independencia do segundo.

O tramo autorizado polo Goberno central hoxe, inclúe obras singulares como un viaduto sobre a N-120 e a liña ferroviaria Monforte de Lemos–Vigo; outra unha nova ponte sobre o río do Porto; e dous pasos inferiores baixo o tronco da vía e baixo un dos ramais de Quintela.