Deputación de Ourense INICIATIVAS

Propoñemos unha empresa pública con sede en Ourense para xestionar centrais hidroeléctricas de España

O PSDEG-PSOE RECLAMA A UBICACIÓN EN OURENSE DA SEDE DUNHA EMPRESA PÚBLICA PARA XESTIONAR AS CENTRAIS HIDROELÉCTRICAS DE TODA ESPAÑA COA CONCESIÓN CADUCADA

Os socialistas explicaron desde o encoro do Bao unha medida “moi atractiva axustada ao marco europeo” que permitiría “devolver á provincia parte dos beneficios da explotación”

En España expirará a concesión dunha trintena de grandes centrais e decenas de pequenos saltos durante a próxima década, e dicir, “centos de megavatios que poderían ser xestionados desde Ourense”

Ourense, 14 de setembro de 2021. O PSdeG-PSOE reclamará a ubicación en Ourense dunha entidade pública empresarial, para xestionar as centrais hidroeléctricas de toda España ás que lles caduque a concesión. Nunha iniciativa que se debaterá no próximo pleno da Deputación, os e as socialistas defenderán a constitución desta empresa con sede social, fiscal e operativa na provincia, para a xestión directa das centrais que retornan automaticamente ao patrimonio do Estado trala fin da concesión administrativa.

Diante do encoro do Bao, no municipio ourensán de Viana do Bolo, deputados socialistas explicaron unha medida “moi atractiva a curto e medio prazo que se axustaría perfectamente ao marco regulatorio europeo” e que permitiría “devolver á provincia parte dos beneficios da explotación dos seus recursos naturais”. O deputado socialista, Aurentino Alonso, criticou o valeirado agresivo dalgúns dos grandes encoros da provincia nunha situación inédita, mentres o voceiro, Rafa Villarino, destacou a importancia desta empresa pública ante o debate sobre o modelo enerxético pero tamén como medida impulsora da economía provincial.

“Non estamos a plantexar nin a compra de bens nin a execución de novos investimentos” matizan, pois “trátase de agardar que caduquen as concesións” de infraestruturas que “están suficientemente amortizadas”. De feito, a lexislación sobre o dominio público hidráulico xa recolle esta posibilidade: “ao extinguirse o dereito concesional, reverterán á administración competente, gratuitamente e libres de cargas, cantas obras fosen construídas dentro do dominio público hidráulico para a explotación do aproveitamento”.

En Ourense existen medio cento de encoros xestionados, na súa maioría, por Iberdrola, Naturgy e Endesa, pero tamén por outras pequenas sociedades. A concesión máis lonxeva será a dos Peares, que acabará no 2059, pero na década comprendida entre 2010 e 2020 xa expiraron dúas –unha solicitou a prórroga– e na presente expirará unha máis. Será entre 2030 e 2040 (10 extincións); entre 2040 e 2050 (16) e a partir de 2060 (17) cando rematen a meirande parte destes aproveitamentos millonarios.

No conxunto de España, durante os próximos dez anos, expirará a concesión dunha trintena de centrais e decenas de pequenos saltos. “Son centos de megavatios, preto dun milleiro, que recibirá o patrimonio público e que poderían ser xestionados desde Ourense a través dunha empresa pública con importantes beneficios para todos e todas”, aseveran desde o PSdeG-PSOE.

“Cremos fundamental que, este recurso natural que produce un ben de primeirísima necesidade como a electricidade, poida ser xestionado tamén a través dunha empresa pública” que actúe “en base ao interese xeral, contribuíndo á redución dos prezos finais que se aplican aos clientes; á integración das renovables; á estabilidade da produción e á garantía de subministración”, explican os socialistas.

“Esta entidade pública permitiría crear un número significativo de postos de traballo e a tributación aquí da súa actividade e a das auxiliares constituídas na súa contorna, sería un importante pulo económico para un territorio como Ourense, necesitado de emprego”, explican antes de recordar que “tamén axudaría a loitar contra o problema demográfico e afondaría no compromiso asumido polo Goberno central de descentralizar institucións desde Madrid a outras provincias para frear o despoboamento”.

“Galicia é, xunto con Castela e León, a comunidade española con maior potencia hidráulica instalada e Ourense é unha das provincias que encabeza a xeración de enerxía hidroeléctrica, polo que cremos que isto ten que reverter no noso territorio e nas súas xentes”, conclúen.