o psdeg-psoe denuncia a “ausencia total» de programación con motivo da semana europea da mobilidade por parte do concello de ourense por segundo ano consecutivo
Os socialistas esixen que o goberno local axilice a elaboración da Ordenanza Municipal para regular o uso dos patinetes eléctricos ante o “alarmante repunte” de accidentes na cidade
Reiteran a necesidade de desbloquear o PMUS dous anos despois da súa aprobación e solicitan a reactivación da comisión técnica para a posta en marcha do cronograma de accións
Ourense, 15 de setembro de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia a “ausencia total” de programación con motivo da Semana Europea da Mobilidade –que este ano ten lugar entre o 16 e o 22 de setembro– por parte do Concello de Ourense, que a diferenza da meirande parte de cidades galegas, carece de planificación por segundo ano consecutivo.
“Mentres cidades como A Coruña, Santiago, Vigo ou Lugo aproveitan esta iniciativa para promover a mobilidade sostible a través de calendarios repletos de actividades de sensibilización ambiental, o Concello de Ourense nin sequera figura inscrito como participante, polo que sospeitamos que carece de vontade e capacidade para pór en marcha un programa á altura da terceira cidade de Galicia”, censuran.

Así, exemplifican que o Concello da Coruña presentou unha batería de actividades que van dende carpas informativas sobre mobilidade, accesibilidade, seguridade vial ou sinalización viaria ata marchas a pé con escolares; o de Lugo anunciou que fará unha marcha en bicicleta e que ofrecerá transporte público gratuíto; e os de Vigo e Santiago terán actividades para conmemorar o Día Europeo Sen Coche, o vindeiro 22 de setembro.
Reactivación da Ordenanza de Patinetes
Ademais, os socialistas reclaman que se volva pór sobre a mesa a elaboración da Ordenanza Municipal para regular o uso dos patinetes eléctricos ante o repunte de accidentes neste tipo de vehículos, logo de que na última semana se rexistrara unha colisión contra a porta dun vehículo na avenida de Zamora e un atropelo na rúa Vicente Risco.
Subliñan que se trata dunha iniciativa que o propio grupo de Democracia Ourensana levara ao pleno en xaneiro de 2019 e que recibira o apoio do consistorio, ao tempo que lembran en que o alcalde tamén incluíra no seu programa de goberno a creación de carrís para bicis e patinetes, “un proxecto que xa forma parte desa longa lista de promesas incumpridas por Gonzalo Pérez Jácome dende que chegou á alcaldía”.
“Ourense é a única cidade galega que non está a traballar activamente no desenvolvemento dunha normativa que permita establecer regras de uso e condicións de circulación para evitar problemas de convivencia entre este novo tipo de vehículos, os automóbiles e os peóns”, lamentan dende o grupo municipal socialista, “mentres cidades como Vigo, A Coruña, Lugo ou Pontevedra xa están a traballar para avanzar o máis rápido posible neste tipo de regulamento”.
Así mesmo, os socialistas reiteran a necesidade de que o goberno PP – DO proceda a desbloquear “de forma inmediata” o Plan de Mobilidade Sostible (PMUS), que permanece paralizado dous anos despois da súa aprobación en novembro de 2019, e solicitan que se atendan as demandas socialistas para a reactivación da Comisión Técnica que permitiría levar a cabo as accións contempladas no plan e no cronograma correspondente.