a secretaría de emigración traslada o malestar de centos de pensionistas retornados ante os prazos imposibles da axencia tributaria de galicia para trámites “innecesarios”
Luís Gulín lamenta que os pensionistas retornados recibiran cartas en pleno mes de agosto informando que nun prazo de dez días debían demostrar a orixe das súas pensións mediante certificados traducidos
Denuncian que a Secretaría Xeral de Emigración, en mans de Rodríguez Miranda, ofrece información “incorrecta e confusa” e contén “erros garrafais” na súa páxina web
Ourense, 15 de setembro de 2021. A Secretaría de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense vén de trasladar o malestar de centos de pensionistas retornados ante os prazos imposibles da Axencia Tributaria de Galicia para levar a cabo trámites que consideran “absurdos e innecesarios”. Os socialistas teñen constancia de que, durante os meses de xullo e agosto, aquelas persoas que perciben unha pensión estranxeira recibiron cartas informando de que debían xustificar a diferenza entre a contía neta e bruta das súas percepcións, algo que, segundo explicou o secretario de Emigración, Luís Gulín, “se debe a que a Seguridade Social alemá retrae unha cantidade para destinala á asistencia sanitaria en España”, un aspecto “recollido nos tratados europeos”.
“Para nós é moi sorprendente que a Axencia Tributaria descubra no ano 2021 que existen xubilados que perciben unha pensión estranxeira e que o país emisor se queda cunha parte” lamentou. “Un dos pilares fundamentais na constitución da Unión Europea era que a partir de 1986 aqueles pensionistas que viñeran a España e se instalaran aquí tiñan dereito a pensión gratuíta, unicamente traendo un papel que lles permitise darse de alta como pensionistas estranxeiros”, clarificou Gulín.

Neste sentido, o socialista lembrou que “a AEAT xa ten información do motivo dese desfase entre a pensión que declaran vía certificados bancarios e a orixinal, polo que non hai necesidade de pedir esa información”, que segundo o secretario de Emigración dos socialistas de Ourense, se require “traducida ao castelán”. “Ollo! A AEAT de Galicia non acepta traducións ao galego, senón que as rexeita argumentando que teñen que estar en castelán forzosamente aínda que eu entendo que a maioría dos seus funcionarios dominan o idioma galego”, puntualizou.
Prazos imposibles en pleno agosto
Así mesmo, o socialista relatou que, nas cartas enviadas pola Axencia Tributaria aos xubilados retornados con pensións exclusivamente estranxeiras durante os meses de verán, reclámase que acrediten a orixe das súas pensións nun prazo de dez días, unha circunstancia que fixo que “moitos emigrantes retornados decidisen cancelar as súas vacacións e viaxes por medo a que nos días que estaban fóra lles chegasen as notificacións e cando volvesen xa pasaran os dez días preceptivos”.
“Atopámonos coa situación absurda de que a AEAT me comunica a min que ten constancia oficial de que eu cobro unha certa contía e que a declarei correctamente, pero a maiores pídeme que acredite que eu efectivamente cobro esa pensión de Alemaña e que mande os certificados pertinentes en dez días, traducidos ao castelán”, sinalou Gulín, quen tachou de “imposibles” os prazos e criticou que os emigrantes teñan que “atopar un tradutor en tempo récord e pagar do seu peto o coste da tradución nalgo que a AEAT coñece”.
Ademais, desmentiu que tales certificados poidan ser obtidos nun prazo de oito días, como se indica na comunicación, posto que “a Seguridade Social alemá, grazas á Axencia Tributaria, está absolutamente saturada”.
Neste sentido, o socialista aproveitou para pór en valor o traballo realizado pola secretaría de Emigración do partido, dende a cal se advertiu a Alemaña da posible “avalancha” de solicitudes ante a recente sentenza do TEAC que permite aos pensionistas estranxeiros deducir as contribucións á seguridade social do país de orixe, unha información grazas á cal reforzaron a oficina do norte de Hamburgo, do sur de Stuttgart e do centro de Frankfurt.
Información incorrecta por parte da Xunta
Ademais, o secretario de Emigración aproveitou para denunciar que a Secretaría Xeral de Emigración, en mans de Antonio Rodríguez Miranda, ofrece información “incorrecta e confusa” e contén “erros garrafais” na súa páxina web.
“Nós informamos no mes de xullo de que na páxina web relativa a Alemaña había información errónea, posto que había unha ligazón que levaba a unha suposta axencia tributaria en Alemaña que non existe, posto que non se trata dun organismo centralizado como sucede en España”, aclarou o socialista, ao tempo que lamentou que “de momento nin a corrixiron nin temos resposta de ningún tipo por parte da Xunta de Galicia”.