POLÍTICA PROVINCIAL

A Deputación reclama para Ourense unha empresa pública para xestionar encoros de todo o Estado, maila a abstención do BNG

O PSDEG-PSOE LOGRA QUE A DEPUTACIÓN RECLAME PARA OURENSE A SEDE DUNHA EMPRESA PÚBLICA PARA XESTIONAR ENCOROS DE TODA ESPAÑA, MAILA A ABSTENCIÓN DO BNG

“Queremos conseguir recursos para unha provincia que os precisa como poucas,” destacou Villarino antes de aseverar que  a iniciativa “busca primordialmente o ben para Ourense e a súa veciñanza”

O BNG abstívose nunha cuestión “de vital importancia para a nosa terra”, unha actitude cualificada de “sorprendente” polos socialistas porque “este acordo debería ser unánime polo ben de Ourense”

Ourense, 24 de setembro de 2021. O PSdeG-PSOE logrou hoxe que a Deputación reclame para Ourense a sede dunha empresa pública, para xestionar encoros de toda España coa concesión caducada, maila a abstención do BNG. O conservadores de PP, Democracia Ourensana e a tránsfuga, Montse Lama, votaron a favor dunha iniciativa que reclama crear esta entidade pública empresarial con sede social, fiscal e operativa na provincia, co fin de darlle un “importante pulo á economía local e de reverter no noso territorio os beneficios da explotación dun ben público como a auga”.

Sen embargo, os nacionalistas do BNG abstivéronse nunha “cuestión de vital importancia para a nosa terra”, unha actitude cualificada de “sorprendente” polos socialistas, porque “este acordo debería ser unánime xa que permitiría crear un número significativo de postos de traballo e a tributación aquí da súa actividade e a das auxiliares constituídas”.

Villarino durante o pleno

O voceiro do grupo provincial, Rafa Villarino, explicou que “soa un pouco a guasa que o BNG defina como mal menor que unha empresa pública con sede en Ourense asuma concesións hidroeléctricas de toda España, xa que aínda é moito menor que asuma só as concesións de Galicia”, a proposta defendida polos nacionalistas. “É fundamental que este recurso poida ser xestionado tamén a través dunha sociedade pública” que actúe “en base ao interese xeral, contribuíndo á redución dos prezos; á integración das renovables ou á estabilidade da produción”, destacou.

“Queremos conseguir recursos para unha provincia que os precisa como poucas,” destacou Villarino, quen tamén agradeceu ao grupo de goberno o seu apoio a unha iniciativa que “busca primordialmente o ben para Ourense e a súa veciñanza”. “Con esta empresa aquí, miles de megavatios poderían ser xestionados desde a provincia con importantes beneficios económicos e sociais para todos e todas”, aseverou.

Os socialistas destacaron que “non estamos a reclamar nin a compra de bens nin novos investimentos”, pois “trátase de agardar á caducidade de concesións xa amortizadas”. “Galicia é, xunto con Castela e León, a comunidade con maior potencia hidráulica instalada e Ourense é unha das provincias que encabeza a xeración de enerxía hidroeléctrica, polo que cremos que isto ten que reverter dalgún xeito nesta terra”, explicaron.

Concesións a caducar

No conxunto de España, durante os próximos dez anos, expirará a concesión dunha trintena de centrais e decenas de pequenos saltos. En Ourense existen medio cento de encoros xestionados, na súa maioría, por Iberdrola, Naturgy e Endesa, pero tamén por outras pequenas sociedades. A concesión máis lonxeva será a dos Peares, pero na década comprendida entre 2010 e 2020 xa expiraron dúas e na presente expirará unha máis. Será entre 2030 e 2040 (10 extincións); entre 2040 e 2050 (16) e a partir de 2060 (17) cando rematen a meirande parte destes aproveitamentos hidráulicos.