Concello de Ourense Denuncias

Os papeis secretos dos gastos de luxo de Jácome con diñeiro público

os papeis secretos dos gastos de luxo de jácome con diñeiro público

Os socialistas ourensáns veñen de sacar á luz o “despilfarro” do alcalde en reloxos intelixentes, móbiles de alta gama e incluso unha scooter eléctrica para os seus asesores

“Só no mes de setembro, os orzamentos requeridos para dispositivos informáticos de luxo sumaron case 40,000 euros do peto dos ourensáns e ourensás”

Ourense, 29 de setembro de 2021. O PSdeG de Ourense vén de sacar á luz o “despilfarro” do alcalde en reloxos intelixentes, móbiles de alta gama e incluso unha scooter eléctrica para os seus asesores, “a conta do contribuínte”. Os socialistas non entenden a finalidade de tales compras, máis alá de satisfacer “os custosísimos caprichos dun alcalde que pensa que o Concello é a súa empresa privada”.

Ademais, denuncian que os orzamentos para estas “compras peregrinas” foron solicitados por asesores de Jácome, un xeito de proceder “de dubidosa legalidade” posto que “o persoal de confianza do alcalde non pode asumir tarefas propias do funcionariado en ningún caso, nin administrativas nin xestoras”.

“Só no mes de setembro, os orzamentos requeridos para dispositivos informáticos de luxo sumaron case 40,000 euros do peto dos ourensáns e ourensás” censuran. En concreto, o alcalde estaría negociando gastar un total de 14.937 euros en 14 teléfonos móbiles e tres reloxos intelixentes; 18.133,73 euros en 18 portátiles e seis ordenadores de mesa, e 6.500 euros nunha scooter eléctrica.