Concello de Ourense termalismo

Instamos ao Concello de Ourense a materalizar o Bulevar Termal co pulo dos fondos europeos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE INSTA AO CONCELLO A APROVEITAR “O PULO DO GOBERNO CENTRAL” Á VARIANTE NORTE E OS FONDOS EUROPEOS PARA materializar O PROXECTO DO BULEVAR TERMAL

Defenden que “agora é o momento para apostar por unha infraestrutura indispensable para a reordenación dunha das fachadas principais de entrada a Ourense”

Os socialistas destacan que o proxecto “xa estaba avanzado polo anterior goberno socialista da cidade” e conta cun anteproxecto redactado e un proxecto de construción “sobre a mesa”

Ourense, 5 de outubro de 2021. O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense presentará no pleno deste mércores unha iniciativa coa que insta ao Concello a aproveitar “o pulo do goberno central” á Variante Norte e os fondos vencellados ao Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do programa Next Generation da Unión Europea para impulsar o proxecto do gran bulevar termal da cidade, unha infraestrutura “estratéxica” para o futuro de Ourense e dos seus activos termais que dotaría a marxe dereita do río Miño dunha gran avenida urbana con paseos axardinados, espazo para o tránsito de bicicletas, novos parques e zonas de lecer e estacionamentos para dar servizo ás termas, que estarían comunicadas e serían facilmente accesibles.

“Hai xusto un mes tiña lugar un fito histórico para esta cidade, despois de trinta anos producíase a licitación do primeiro tramo da Variante Norte grazas ao compromiso do goberno socialista liderado en Madrid por Pedro Sánchez”, lembrou a concelleira Natalia González, quen ademais salientou que esta actuación permite “desbloquear de maneira inminente o bulevar termal da cidade, un proxecto presentado hai dez anos polo goberno socialista desta cidade e que volve ser unha oportunidade histórica neste momento”.

González lamentou que o proxecto se atopa paralizado e “pechado nun caixón” pola “falta de vontade política” do anterior Goberno de España, presidido por Mariano Rajoy, así como polo desleixo dos gobernos populares da cidade dende 2015 ata a actualidade, para os que o Bulevar Termal “nunca foi unha prioridade”.

Neste sentido, a concelleira destacou que o proxecto “xa estaba avanzado polo anterior goberno socialista da cidade” e conta cun anteproxecto redactado e un proxecto de construción “sobre a mesa”. Concretamente, e segundo fan constar na moción os socialistas, as primeiras pedras para o desenvolvemento desta infraestrutura termal foron a sinatura dun Protocolo co Ministerio de Fomento en novembro de 2011 para a cesión da titularidade do ramal sur da N-120 ao Concello de Ourense; a adxudicación do Anteproxecto de Remodelación do Ramal Sur da N-120 tamén no ano 2011; ou o Proxecto de Remodelación do Ramal Sur da N-120: Ronda Termal, entregado ao Concello de Ourense o 15 de xaneiro de 2012.

Cesión do ramal sur da N-120

Así as cousas, os socialistas defenden que “agora é o momento para apostar por unha infraestrutura indispensable para a reordenación dunha das fachadas principais de entrada a Ourense” e consideran “de extrema urxencia” a optimización global do modelo termal, polo que instan ao Concello a solicitar que o Ministerio de Fomento ceda a titularidade do ramal sur da estrada N-120 e que poña en marcha “todos os mecanismos necesarios” para que o proxecto do Bulevar Termal poida optar a financiarse a través dos fondos europeos Next Generation.

“En todo caso, de non ser posible, debería existir un compromiso tanto por parte do Concello como do Ministerio de Fomento para comprometer as partidas económicas necesarias dentro dos vindeiros orzamentos 2022” matizan os socialistas.

Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, fixo fincapé na necesidade dunha iniciativa que debe pórse en marcha “de xeito inmediato” posto que “cómpre revivir o termalismo en Ourense” e instou ao PP a “amosar o seu grado de ourensanía” apoiando a moción.

“No canto dun vial ateigado de vehículos, teremos unha zona de paseo que pacificará o tráfico e fará de Ourense unha cidade moderna e de progreso, co termalismo como bandeira”, concluíu.