concellos Denuncias

Os socialistas de Cenlle apoian á veciñanza ante a falta de información por expropiación de terreos para a instalación dun tendido eléctrico

O PSDEG-PSOE DE CENLLE AMOSA O SEU APOIO “INCONDICIONAL” Á VECIÑANZA DE SADURNÍN E CENLLE ANTE AS EXPROPIACIÓNS QUE SUFRIRÁN PARA A INSTALACIÓN DUN TENDIDO ELÉCTRICO

Os socialistas afirman que a veciñanza laiase ante a “falta de información pública” sobre as expropiacións de terreos en montes particulares e mancomunados por parte de Fenosa e do Concello

O voceiro do PSdeG, José Rodríguez Veloso, sinala que a veciñanza “oponse de xeito rotundo as expropiacións” e insta ao goberno municipal a “realizar as xestións oportunas para que a empresa aporte os datos técnicos e explique a situación do proxecto”

Cenlle, 20 de outubro de 2021. O PSdeG-PSOE de Cenlle amosa o seu apoio incondicional á veciñanza das parroquias de San Xoán de Sadurnín e Cenlle ante a expropiación que a empresa eléctrica Fenosa pretende levar a cabo nestes dous municipios coa intención de pasar un cable de media a través de montes mancomunados e de propiedade de varios veciños e veciñas. Os socialistas afirman que a veciñanza laiase da “falta de información pública” tanto por parte da empresa como do propio Concello, “desaparecido totalmente ante esta falta de datos”.

Para o Grupo Municipal Socialista en Cenlle a situación “é moi preocupante”, xa que segundo relatan “a única información que recibiu a veciñanza foi a través dunha carta, que tan só se lles fixo chegar aos veciños e veciñas de Sadurnín, e non aos de Cenlle, que tamén se ven afectados por estas futuras expropiacións”. Os socialistas reclaman que a empresa eléctrica aporte “datos técnicos e información” a veciñanza de ambas parroquias e que aclare cal vai ser o proceder para e instalación do devandito cable de media.

O voceiro do PSdeG-PSOE en Cenlle, José Rodríguez Veloso, sinala que a veciñanza “oponse de xeito rotundo as expropiacións e a que este cable pase por estes terreos”. O concelleiro socialista insta ao goberno municipal a “realizar as xestións oportunas como representantes institucionais da veciñanza para que a empresa eléctrica aporte información sobre esta actuación”. Veloso fai fincapé tamén en que o Concello “debe estar a carón da veciñanza e non ignorar por completo as súas demandas, como está acontecendo”.

“Esiximos que se informe á veciñanza sobre as expropiacións e proceso de instalación deste novo tendido eléctrico”, apunta Veloso, que tamén afirma que “xa basta de escurantismo na xestión municipal” e avoga por “unha maior transparencia e que se explique cal é o motivo de atravesar o monte dende Sadurnín a Esposende, cando hai outra fórmula máis sinxela de proceder a esta instalación”.

Dende o PSdeG-PSOE de Cenlle tamén apuntan a que esta non é a única expropiación que se está a vivir no municipio, xa que segundo relatan, a compañía CRTVG tamén expropiou terreos e instalou unha antena de televisión na zona. “A veciñanza esixe explicacións desta instalación, xa que non vai ser para uso e desfrute do noso municipio, senón para expandir a sinal de televisión a outros concellos da bisbarra”, destacan os socialistas, que finalizan indicando que “a veciñanza tamén pide que se lles aclare o motivo de levala a cabo no municipio”.