O PSDEG-PSOE RECLAMA TRANSFERIR Á DEPUTACIÓN DE OURENSE OS TERREOS DO PARQUE EMPRESARIAL DE TABOADELA CO FIN DE DESENVOLVER PROXECTOS ESTRATÉXICOS PARA A PROVINCIA
Vila defende que “unha vez que constatamos como, 12 anos despois da chegada de Feijóo, non teñen iniciativa sobre este proxecto, pensamos que debe ser a Deputación quen xestione os terreos”
Villarino asegura que “urxe” rescatar os terreos “que agora están unicamente habitados por ovellas” e salienta que “unha vez máis é o PSOE quen capitanea proxectos fundamentais para a provincia”
Ourense, 20 de outubro de 2021. O PSdeG-PSOE reclama transferir á Deputación de Ourense os terreos que ocuparía o parque empresarial de Tabodela, actualmente en mans do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), co fin de desenvolver proxectos estratéxicos para a provincia. Nunha iniciativa que se debaterá no próximo pleno provincial de outubro, os socialistas defenden este cambio ante o “total abandono” da Xunta con este proxecto. “Non hai intención algunha de desenvolver actuacións na área planificada en terreos de Taboadela”, denuncian.
Este espazo de 1.220.000 metros cadrados, ubicado ao sur do cinto industrial da cidade de Ourense, está en barbeito, froito da cancelación por parte do goberno de Núñez Feijóo, do Plan Territorial Integrado do Val da Rabeda, un proxecto integral deseñado por Cesar Portela e impulsado polo goberno bipartito da Xunta entre 2006 e 2009, que permitiría crear espazos industriais, empresariais, dotacionais e vivendas en Taboadela e Paderne de Allariz.
“Nun ataque inaudito a Ourense, o PP tombou aquel formidable proxecto que permitiría impulsar o reequilibrio territorial do interior de Galicia, deixando só dous polígonos independentes e inconexos”, salientan os socialistas antes de denunciar que “a Xunta si está a impulsar nos últimos meses o polígono planificado en Paderne, pero o de Taboadela ni está ni se le espera”.
O deputado e alcalde de Taboadela, Álvaro Vila, explica que “o goberno presidido por Emilio Pérez Touriño presentou un plan integral moi ambicioso”, pero “agora, unha vez que constatamos que, 12 anos despois da chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta de Galicia, non teñen iniciativa ningunha sobre toda esta área, pensamos que debe ser a Deputación Provincial quen xestione os terreos”, para que “dunha vez por todas se poida dar un valor engadido á comcarca”, xa que Vila define esta iniciativa como un “proxecto de carácter supramunicipal”.
Pola súa banda, o voceiro provincial, Rafa Villarino, asegura que estamos ante parte dun “proxecto de reequilibrio territorial que sería exemplar en Galicia e en Ourense” deseñado por César Portela. “O primeiro que fixo o PP foi deixar a Ourense, unha vez máis, esquecida ao destinar a outras provincias os fondos orzamentados polo bipartito para aquel plan”, denuncia o voceiro antes de resaltar que “agora urxe” rescatar estes terreos “que están unicamente habitados por ovellas”. “É o PSOE e un alcalde socialista, coma sempre, quen capitanea proxectos fundamentais para a provincia”, insiste.
“O proxecto do Val da Rabeda tivo un importante pulo e nos orzamentos de 2009 o bipartito xa consignara 14 millóns co fin de executar actuacións, entre outras, a adquisición dunha parte relevante dos terreos, ata sumar dous millóns de metros cadrados” pero, tres lustros despois, “esa superficie está completamente abandonada, a pesar da súa titularidade pública autonómica”, denuncian. “Desde aquela decisión de Feijóo, eses terreos están improdutivos e a administración galega gasta fondos públicos anualmente para controlar a biomasa, por mor da perigosidade de posibles lumes”, advirten.
No PSdeG-PSOE ourensán creen que, ante esta “actitude de desleixo absoluto” da Xunta, onde os fondos do Val da Rabeda “pasaron a engordar partidas noutras provincias que eran máis prioritarias para o PP”, ábrese agora unha “fiestra de oportunidade” para que sexa a Deputación quen asuma a titularidade dos terreos, co fin de desenvolver proxectos estratéxicos.
E para iso defenden basear esta proposta en torno a unha “estratexia de ocupación do territorio onde convivan infraestruturas e usos produtivos coa estrutura agraria actual”; a “ampliación do solo produtivo, introducindo as infraestruturas necesarias” e a “consideración dunha área de intervención extensa para incidir sobre o conxunto do territorio, evitando producir un desenvolvemento concentrado, e polo tanto, desequilibrado”.