O PSDEG-PSOE DENUNCIA QUE O CONCELLO DE RAMUÍN EMPREGUE UNHA SUBVENCIÓN DE 100.000 EUROS EN DERRUBAR O ANTIGO CENTRO MÉDICO NO CANTO DE REFORMALO PARA A VECIÑANZA
Os socialistas censuran que o goberno municipal do PP opte “unha vez máis” por desfacerse dun inmoble municipal “a cambio de nada”, como xa fixeron coas casas de Espartedo
Condenan o “desmantelamento do patrimonio” por parte do executivo local e apostan por conservar esta estrutura e poñela a disposición da veciñanza como centro de actividades e integrar a oficina de turismo
Nogueira de Ramuín, 20 de outubro de 2021. O PSdeG-PSOE denuncia que o Concello de Nogueira de Ramuín vai empregar unha subvención pública de 100.000 euros para derrubar o antigo centro médico da localidade e facer unha praza, no canto de apostar por reformar o edificio e poñelo a disposición da veciñanza como centro de actividades.
“Unha vez máis, o goberno do PP opta por desfacerse dun inmoble municipal a cambio de absolutamente nada, como xa fixeron coas casas de Espartedo, mentres o pobo segue sen ter salón de actos ou espazos onde impartir cursos para os veciños e veciñas”, lamenta o voceiro socialista, Óscar Sánchez.
Así as cousas, dende o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Nogueira de Ramuín condenan o que consideran o “desmantelamento do patrimonio de todos e todas” por parte do executivo local, ao tempo que apostan por conservar a estrutura e reconvertela en centro de actividades e integrar nel a oficina de turismo.
“Estamos ante outra decisión pésima deste goberno, que volve ás andadas decantándose por sacrificar outro edificio municipal para facer unha praza a todas luces redundante, en vez de aproveitar esa estrutura para albergar servizos fundamentais dos que adoece a veciñanza”, defenden.
Os socialistas lembran que este “non é un xeito de proceder novo por parte do goberno local”, encabezado polo popular José César Parente, quen xa a principios de 2020 “sacrificou o edificio multiusos para cedelo por un canon irrisorio a unha empresa que o converteu nunha residencia de maiores de xestión privada”.
“Os veciños e veciñas quedan sen outro edificio no que poder participar da vida en comunidade polas pésimas decisións dun goberno que prefire seguir pagando alugueiros no canto de pór en valor o patrimonio local”, conclúen.