Concello de Ourense INICIATIVAS

Esiximos o desbloqueo do proxecto de restauración do cámping municipal de Untes

O PSDEG-PSOE URXE AO CONCELLO DE OURENSE A DESBLOQUEAR O PROXECTO DE RESTAURACIÓN DO CÁMPING DE UNTES A TRAVÉS DA SOLUCIÓN DEFINITIVA DOS PROBLEMAS DE SANEAMENTO DA ZONA

Os socialistas apostan por “recuperar as infraestruturas termais e turísticas da cidade ante a chegada do AVE” e fan un chamamento a aproveitar os fondos Next Generation para materializar este proxecto

Rafa Villarino lamentou que “o que ía ser o cámping do glamour rematou convertido noutra instalación máis do terror termal que prolifera en cada recanto desta cidade”

Ourense, 28 de outubro de 2021. O PSdeG-PSOE levará unha iniciativa ao pleno municipal do vindeiro venres para esixir que o Concello de Ourense desbloquee, de xeito inmediato, o proxecto de restauración do cámping de Untes a través da solución definitiva dos problemas de saneamento que vén arrastrando esta zona do rural ourensán e que, a día de hoxe, impiden a reactivación das instalacións.

Na moción, os socialistas propoñen que o Goberno municipal redacte e asine un convenio coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) para a construción dunha nova estación depuradora; ou que encargue a redacción dun proxecto de canalización de augas, coa finalidade de “retomar un proxecto de gran interese para a cidade e rescatar o cámping de Untes do absoluto declive e abandono no que se atopa polo desleixo do goberno municipal”.

“O proxecto do cámping atópase parado porque a depuradora é insuficiente para abastecer a instalación e o núcleo de Untes”, abundou a concelleira Natalia González, “por este motivo levaremos unha moción na que presentaremos dúas solucións posibles para desbloquear este proxecto que cremos que pode ser moi positivo para o termalismo da cidade e para revalorizar esta zona”.

Neste sentido, os socialistas apostan por “recuperar as infraestruturas termais e turísticas da cidade ante a inminente chegada da alta velocidade a Ourense” e fan un chamamento a aproveitar os fondos europeos Next Generation para materializar o proxecto de renovación do cámping de Untes, unha dotación que se atopa “a carón do río Miño, en pleno corazón termal da cidade”.

Do glamour ao terror termal

Sobre o devir histórico desta dotación, dende o grupo socialista lembran que no ano 2000 empezouse a proxectar, aínda que a súa inauguración non aconteceu ata unha década despois, no ano 2010, despois de que unha vez construído existira unha demora de sete anos para sacar adiante a licitación e adxudicación definitiva da xestión do cámping por parte de Amencer Reciclaje, que naquel momento creou 14 postos de traballo para persoas con discapacidade física ou psíquica, antes do peche das instalacións, no ano 2015.

“Foi unha iniciativa pioneira, ao tratarse do primeiro cámping de Galicia, un referente para toda a comunidade autónoma, particularmente polo seu modelo de integración laboral das persoas con discapacidade”, destacou a edil González.

No ano 2018 tiña lugar a presentación dun proxecto de restauración do cámping de Untes “que contaba con informes urbanísticos favorables e co visto bo de todos os grupos políticos”, por un importe de 826.341 €, segundo consta na moción socialista. A iniciativa apostaba por un novo modelo de glamping, con tendas de deseño fixas, e precisaba dun proxecto de saneamento para poder licitarse e proceder á súa execución, sinalan.

“Hai seis anos que ese investimento de preto de 900.000 euros se atopa totalmente paralizado por unha cuestión tan transcendental como é a falta de saneamento no rural” denunciou a concelleira, ao tempo que reivindicou a necesidade de “garantir un servizo de abastecemento e saneamento do s. XXI para todo o rural ourensán”.

Pola súa banda, o voceiro socialista, Rafa Villarino, lamentou que “o que ía ser o cámping do glamour rematou convertido noutra instalación máis do terror termal que prolifera en cada recanto desta cidade” ao tempo que apuntou á responsabilidade do Partido Popular a respecto dunha área que é da súa competencia: “que se dediquen dunha vez por todas a facer algo por Ourense”, concluíu.