Concello de Ourense INICIATIVAS

De glamour a terror termal: as escalofriantes imaxes do antes e o despois do cámping de Untes

DE GLAMOUR A TERROR TERMAL: AS ESCALOFRIANTES IMAXES DO ANTES E O DESPOIS DO CÁMPING MUNICIPAL DE UNTES QUE AMOSAN O DECLIVE TERMAL NO QUE ESTÁ SUMIDA A CIDADE DE OURENSE

O cámping de Untes é só un cadáver máis na longa e indecente lista de vítimas do exterminio termal perpetrado por Jácome e o Partido Popular en Ourense

O que ía ser o cámping do glamour rematou convertido noutra instalación máis do terror termal que prolifera en cada recanto desta cidade

Ourense, 28 de outubro de 2021. “De glamour a terror termal”, así definen os socialistas o declive experimentado por unha instalación municipal prometedora: o cámping de Untes. Este espazo, inaugurado no ano 2010 e pechado no 2015, conta cun proxecto de restauración do ano 2018 para transformalo nun glamping, que malia contar cos informes urbanísticos favorables e o visto bo da corporación municipal, segue á espera do preceptivo proxecto de saneamento para poder licitarse e proceder á súa execución.

Mentres, o cámping de Untes agoniza, acumulando maleza ante a mirada atónita dos escasos turistas que, ocasionalmente, se deixan caer pola zona en autocaravana, guiados polas obsoletas indicacións do GPS, ou polas decrépitas sinais que atinan a ver entre as silveiras. O que ía ser o camping do glamour rematou convertido noutra instalación máis do terror termal que prolifera en cada recanto desta cidade. O cámping de Untes non é máis que «outro cadáver na longa e indecente lista de vítimas do exterminio termal perpetrado por Jácome e o Partido Popular”.