Denuncias Deputación de Ourense

O PP veta que Taboadela teña un gran polígono para desenvolver proxectos estratéxicos

O PP E O PARTIDO DE JÁCOME VETAN QUE TABOADELA TEÑA UN GRAN POLÍGONO PARA DESENVOLVER PROXECTOS ESTRATÉXICOS PARA A PROVINCIA

Vila defendeu que a Deputación asuma os terreos “que xa son públicos e que actualmente só os están a aproveitar unhas ovellas”, tralo abandono ao que están sometidos por parte da Xunta

“A Deputación é incapaz de por sobre a mesa ningún proxecto estratéxico para ese millón de metros cadrados”, denunciou o deputado e alcalde de Taboadela ante a “negativa actitude” do PP

Ourense, 29 de outubro de 2021. O partido de Jácome, a tránsfuga Montse Lama e o PP vetaron hoxe no pleno da Deputación de Ourense que Taboadela teña un gran polígono industrial para desenvolver proxectos estratéxicos. Os socialistas defenderon unha moción instando a transferir á institución provincial os terreos que ocuparía o parque empresarial de Tabodela, actualmente en mans do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), co fin de desenvolver proxectos estratéxicos. A proposta foi rexeitada cos votos en contra de PP, DO e a tránsfuga, Montse Lama. O BNG tampouco votou a favor dun proxecto que impulsaría o reequilibrio territorial e sería un importante pulo industrial para o cinto industrial de Ourense.

O deputado, Álvaro Vila, demandou este cambio ante o “abandono” da Xunta con este proxecto porque “xa temos claro que non hai intención algunha de desenvolver actuacións”, polo que agora considera “máis acaído” que sexa o organismo provincial quen xestione eses terreos “que xa son públicos e que actualmente só aproveitan unhas ovellas”.

Vila recordou que existía un proxecto territorial integral denominado “Val da Rabeda”, impulsado polo goberno bipartito da Xunta presidido por Emilio Pérez Touriño “que comprou os terreos”, pero “o PP tombou o plan en canto voltou á Xunta”, a pesar de que “permitiría impulsar o reequilibrio territorial”, reducindo a idea a dous polígonos inconexos. O deputado do PSOE remarcou que “temos en Taboadela máis dun millón de metros cadrados públicos que só producen gran cantidade de toxos e silvas”.

“Pero iso é tempo pasado”, matizou antes de instar ao PP ourensán a “mirar cara o futuro” porque “precisamos de proxectos e non solo público abandonado”. O deputado e alcalde aclarou aos conservadores que non aceptaba a súa emenda porque “non ten nada que ver” coa proposta socialista e porque “desvirtúa” a idea. “A Deputación é incapaz de por sobre a mesa ningún proxecto estratéxico para ese millón de metros cadrados”, denunciou ante a “negativa actitude” do PP ao que acusou de permanecer cunha actitude de “brazos caídos”. “O goberno desta Deputación fai un novo brindis ao sol por non ser capaz de considerar eses terreos como estratéxicos”, insistiu.

No PSdeG-PSOE ourensán insisten en que, ante o “desleixo” da Xunta, primeiro co Val da Rabeda e agora con este polígono industrial, debería ser a Deputación ourensá quen asuma os terreos, co fin de desenvolver estes proxectos estratéxicos. “É lamentable”, concluíu Vila en referencia a negativa do goberno provincial.