Concello de Ourense Denuncias

Estudaremos recorrer o Auto polo que se rexeitan as cautelares contra a macromodificación a dedo de Jácome

O PSDEG-PSOE ESTUDARÁ A POSIBILIDADE DE RECORRER O AUTO DO XULGADO POLO QUE SE REXEITAN AS MEDIDAS CAUTELARES CONTRA A MODIFICACIÓN DE CRÉDITO “UNILATERAL” DE JÁCOME

Os socialistas fan público o seu acatamento ao Auto 107/2021, ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense, pero discrepan da argumentación esgrimida no mesmo

Ourense, 30 de outubro de 2021. O grupo municipal socialista fai público o seu acatamento ao Auto 107/2021 ditado polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense polo que se rexeitan as medidas cautelares contra a macromodificación de crédito do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, mais amosa a súa discrepancia a respecto da argumentación esgrimida no mesmo, polo que estudará a posibilidade de recorrelo.

Os socialistas sinalan que o Auto –que non Sentenza, como erroneamente o denominou Gonzalo Jácome– supón “a resolución da petición de medidas cautelares no proceso no cal se analiza a legalidade da Modificación Orzamentaria aprobada de forma unilateral, sen intervención plenaria, a medio dunha dilixencia do Secretario da Corporación”.

“Basea a desestimación en que, de adoptarse a medida cautelar, suporía unha auténtica parálise da actividade municipal, xa que se deixarían de atender débedas contraídas polo  Concello. Nós discrepamos de tal argumento posto que o que se recorre é unha mera modificación orzamentaria, e as débedas preexistentes deben necesariamente contar con consignación orzamentaria no orzamento inicial, polo que non existiría impedimento algún para que se pagasen ditas débedas aínda cando se adoptou a medida cautelar”, abundan dende o grupo socialista, ao tempo que puntualizan que “as débedas que se deriven da modificación orzamentaria son débedas de futuro”.

Neste sentido, salientan que o propio Auto recoñece que os actos de gasto derivados da modificación “non poderían ser, en principio, revertidos, como sucede, por outra banda, con todos os gastos que se realizan durante a xestión ordinaria dun Concello”.

“Precisamente esa imposibilidade de reversión, que convertería a Sentenza que no seu día se dite en imposible de executar, é a que determina a necesidade de adopción das medidas cautelares solicitadas, xa que a non adopción das mesmas dá lugar á perdida da finalidade lexítima do recurso, que é precisamente o que o ordenamento xurídico pretende evitar con estas medidas”, conclúen.