concellos Denuncias

Os socialistas de Lobios denuncian o deplorable estado do saneamento da parroquia de Grou

O PSDEG-PSOE DE LOBIOS DENUNCIA O “DEPLORABLE ESTADO” DA REDE DE SANEAMENTO NA PARROQUIA DE GROU E RECLAMA “UNHA SOLUCIÓN INMEDIATA PARA ESTE RECORRENTE PROBLEMA”

Os socialistas lamentan que os veciños e veciñas teñan que padecer as consecuencias dun saneamento “impropio deste século” pola falta de vontade e o desleixo da alcaldesa do PP, Carmen Yáñez

Advirten dun novo vertido a carón dunha explotación apícola que está a contaminar un camiño e urxen ao Concello a tomar solucións ante o que consideran unha “situación de emerxencia para a saúde pública”

Ourense, 2 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Lobios denuncia o “deplorable estado” da rede de saneamento na parroquia de Grou e reclama unha “solución inmediata por parte do Concello para este recorrente problema”. Os socialistas veñen de comprobar a existencia dun novo vertido nun camiño público que se atopa “xusto ao carón dunha explotación apícola” e que “permanece anegado por augas residuais mentres o goberno local fai caso omiso das queixas dos veciños e veciñas ante unha situación de extrema emerxencia para a saúde pública”.

“Lamentablemente, esta situación non é nova e é extensible ao conxunto do concello, cuxos veciños e veciñas están a padecer as consecuencias dun saneamento impropio deste século pola falta de vontade e o desleixo da alcaldesa do PP, Carmen Yáñez” denuncian dende o grupo municipal socialista.

Os socialistas de Lobios reclaman un sistema de saneamento “decente e do século XXI”, que evite os “recorrentes problemas medioambientais e de saúde pública no concello” como os que están a ter lugar na parroquia de Grou.

“O que non podemos permitir baixo ningún concepto é que os veciños e veciñas se vexan na obriga de deixar de usar un camiño público pola inacción dun Concello que renega da súas responsabilidades nun asunto de tanta urxencia”, denuncian, ao tempo que instan á alcaldesa a actuar “xa” para evitar “danos maiores”. 

Neste sentido, os socialistas advirten dos problemas que pode ocasionar este anacrónico sistema de evacuación de augas residuais ao filtrar substancias contaminantes aos acuíferos e as zonas de cultivo próximas. “A situación pode ser insostible se o Concello non actúa de xeito inmediato”, alertan.