O PSDEG-PSOE DE CENLLE CRITICA A “PASIVIDADE” DO PP, QUE LEVA 20 ANOS SEN RECLAMAR A CONSTRUCIÓN DUNHA RESIDENCIA DE MAIORES A QUE SE COPROMETERA A FUNDACIÓN SAN ROSENDO
Os socialistas denuncian que namentres noutros concellos do PP se ofrecen terreos para construír residencias, en Cenlle, cun convenio asinado, a veciñanza “leva 20 anos agardando” por ela
José Rodríguez Veloso destaca que se os gobernos municipais houbesen esixido ao longo destes anos, que se levase a cabo o asinado no convenio, Cenlle tería residencia e 60 postos de traballo
Cenlle, 17 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Cenlle critica que o Concello, co PP ao fronte, non sexa capaz de reclamar a construción dunha residencia para maiores, comprometida pola Fundación San Rosendo e o consistorio no ano 2000, cando se asinou un convenio para levar a cabo este proxecto. Os socialistas denuncian que namentres noutros concellos do Partido Popular se ofrecen terreos para construír residencias, en Cenlle, cun convenio asinado, “levamos 20 anos agardando” por unha residencia para maiores que a veciñanza segue a reclamar.
Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que no ano 2000, asinouse un convenio entre a o Concello de Cenlle e a Fundación San Rosendo, onde se acadaba o compromiso de que o Concello cedía a fundación as augas termais do balneario de Laias, o campo do cabalo, o antigo balneario e se comprmetía a instalación de electricidade e da rede de saneamento. O Concello cumpriu, pero non así a fundación, que debía construír unha residencia de anciáns en 2 anos e ademais a outorgar postos de traballo para a veciñanza de Cenlle, que terían prioridade a hora da contratación e calquera veciño ou veciña tiña privilexio para conseguir unha praza na residencia.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Cenlle, José Rodríguez Veloso, sinala que “namentres outros concellos do PP ofrecen terreos para a construción dunha residencia de maiores, o PP de Cenlle, cun convenio asinado para a construción dunha residencia, non lle esixe a fundación San Rosendo que cumpra co firmado e proceda a construción”. Para o líder dos socialistas do municipio a situación é “indignante” e pregúntase “cal é o motivo para que non esixa o cumprimento dun contrato asinado?”.
Rodríguez Veloso apunta tamén a que Cenlle leva anos nunha crise demográfica “moi severa”, na que se perdeu poboación a “pasos axigantados”, ao non haber postos de traballo. “Se os diferentes gobernos do Partido Popular houbesen esixido ao longo destes 21 anos, que se levase a cabo o asinado no convenio, Cenlle tería hoxe unha residencia e 60 postos de traballo, que farían que moita xente non marchase do municipio e que se fixase nova poboación”.
Dende o PSdeG-PSOE de Cenlle fan fincapé en que o Concello “cumpriu co asinado”, pero segundo manifestan “non cumpriu coa veciñanza, ao non esixir a construción desta residencia de maiores, prometida e pola que a día de hoxe se segue agardando, a pesar de contar cunha poboación moi envellecida”.