concellos INICIATIVAS

As socialistas de Punxín súmanse a conmemoración do 25 de novembro

O PSDEG DE PUNXÍN INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A RATIFICAR O COMPROMISO FIRME DO CONCELLO COS DEREITOS DAS MULLERES, ERRADICAR A VIOLENCIA MACHISTA E COMBATER O NEGACIONISMO

As concelleiras socialistas de Punxín súmanse un ano máis á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres a través dunha moción no pleno municipal

A voceira do PSdeG, Lorena Peleteiro, destaca que “o noso modelo de sociedade é un no que homes e mulleres son iguais e libres e esa idea é incompatible coa prostitución e a trata de seres humanos”

Punxín, 18 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Punxín defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción na que instan ao goberno municipal a ratificar o compromiso firme do Concello cos dereitos das mulleres, a erradicación de calquera tipo de violencia machista e combater calquera discurso negacionista, ou posicionamento político que negue a violencia de xénero ou rexeite as políticas públicas enfocadas a súa total erradicación.

As concelleiras socialistas de Punxín súmanse un ano máis á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Con esta moción buscan amosar “todo o apoio, a convicción de que loitamos pola máis xusta das causas e o noso compromiso de non deixar avanzar ata erradicar da nosa sociedade a violencia machista”. Apuntan tamén a que “como socialistas non podemos resignarnos a que se asuma como normalidade a traxedia dolorosamente cotiá da violencia machista porque non é un destino escrito en pedra, senón o resultado dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que persiste coma unha crise silenciosa”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Punxín, Lorena Peleteiro, considera que se debe “avanzar” cara un novo marco lexislativo, “orientado”, entre outras cuestións, a abolición da prostitución. “A trata con fins de explotación sexual non pode desligarse da prostitución, a forma máis terrible de violencia contra as mulleres”, afirma a socialista que tamén apunta que “son dúas caras dunha mesma realidade xa que a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual existe porque hai unha demanda de mulleres e nenas para a prostitución”.

Peleteiro subliña que o PSOE “desexa unha sociedade onde as mulleres e nenas non sexan prostituídas e na que os corpos das mulleres e nenas non sexan obxectos de consumo”. A voceira do grupo municipal socialista tamén destaca que “o noso modelo de sociedade é un no que homes e mulleres son iguais e libres e esa idea é incompatible coa prostitución e a trata de seres humanos”. Peleteiro tamén aproveita para lembrar que “no ámbito das nosas competencias, desenvolvemos un papel fundamental na prevención, así como na información, asesoramento, protección e acompañamento ás mulleres vítimas e aos seus fillos e fillas”.

Dende 2003 foron asasinadas no Estado 1117 mulleres e 44 nenas e nenos. Dende 2019 interpuxéronse 1.743.680 denuncias por violencia de xénero, 452.095 ordes de protección e 652.795 mulleres recibiron o apoio dos corpos e forzas de seguridade, a través do Sistema de Seguimento Integral nos casos de violencia de xénero VIOGEN. En Galicia, cada día se incoan nos xulgados 17 novos procedementos penais por violencia contra a muller. Estes xulgados recibiron no segundo trimestre deste ano, 1649 denuncias por violencia machista, un 10,4 % máis que no mesmo período do ano pasado.