GOBERNO ESTATAL INFRAESTRUCTURAS

O AVE a Galicia, en marcha: «é un fito histórico»

O PSDEG-PSOE CUALIFICA DE “FITO HISTÓRICO” A CHEGADA DO TREN DE ALTA VELOCIDADE A GALICIA, TRALA VIAXE DE PROBA COA MINISTRA DE TRANSPORTES

Abellás indicou que “despois de vinte anos do inicio” destas obras “por fin culminan cun goberno socialista”, un feito que permitirá a chegada a Ourense “en só dúas horas e quince minutos”

Tizón destacou o “pulo” do goberno de Pedro Sánchez ás obras tras “dez anos de atrasos” polo “escaso traballo do PP” e incidiu na ampla oferta “cun tren cada hora e media”, que mellorará máis en 2022

Madrid/Ourense, 22 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE cualifica como “fito histórico” a finalización das complexas obras da liña de alta velocidade a Galicia, o que permitirá a súa posta en servizo comercial o próximo 21 de decembro. Deputados e deputadas no Congreso e senadores do PSOE acompañaron hoxe á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e ao resto de autoridades, nunha “ilusionante viaxe” que arrancou da estación Madrid Chamartín-Clara Campoamor ás 8:45 horas nun tren da serie 112 de Renfe e que chegou a Ourense ás 11 da mañá, cuns minutos de adianto sobre a previsión.


O deputado ourensá, Adolfo Pérez Abellás, indicou durante a viaxe que “despois de vinte anos do inicio” destas complexas obras “por fin culminan cun goberno socialista”, un feito que permitirá a chegada a Ourense “en só dúas horas e quince minutos”. Para Pérez Abellás “isto significará unha importante vertebración do noso territorio” e un “gran avance das comunicacións entre Galicia e o resto da península”.

Pola súa banda, a deputada Uxía Tizón, cualificou como “histórica” esta viaxe, grazas ao “pulo” insuflado ás obras polo goberno presidido por Pedro Sánchez, tras “dez anos de atrasos” a causa do “escaso traballo do Partido Popular” durante os seus mandatos. “Estamos moi orgullosos e orgullosas de que este tren chegue a Ourense” o que “permitirá mellorar moi sustancialmente as comunicacións” con Madrid e o resto de España “con trens cada hora e media”.

A deputada socialista tamén incidiu na nova mellora que se producirá no segundo semestre de 2022, tala chegada de novos trens de alta velocidade de rodadura desprazable a Galicia, actualmente en fabricación. “A próxima chegada dos trens Avril será un novo fito”, dixo Tizón antes de concluír sinalando “este día de orgullo para os galegos, en especial, para os ourensáns”.

O tramo Pedralba de la Pradería-Ourense, de 119,4 km de lonxitude, implicou un investimento aproximado de 2.965 millóns de euros e suporá unha importante redución nos tempos de viaxe nas relacións ferroviarias entre Galicia e os resto da península ibérica, de entre 50 e 90 minutos segundo a cidade de destino, contribuíndo á vertebración social e económica de todos territorios que atravesa. No caso concreto da capital ourensá, as viaxes máis veloces durarán algo menos de dúas horas e quince minutos.

Renfe porá á venda a partir de mañá martes 23 de novembro, os billetes para os novos servizos que operarán nesta liña de alta velocidade entre Madrid e Galicia a partir do 21 de decembro. O servizo comercial arrancará cunha importante promoción na que poñerán á venda 250.000 billetes a un prezo de 15 euros, independentemente da orixe e o destino e en trens AVE e Alvia.