Deputación de Ourense INICIATIVAS

Reclamamos que a Deputación de Ourense rexeite discursos negacionistas contra a violencia de xénero

O PSDEG-PSOE RECLAMARÁ QUE A DEPUTACIÓN DE OURENSE COMBATA E CONDENE CALQUERA DISCURSO NEGACIONISTA OU POSICIONAMENTO POLÍTICO QUE NEGUE A VIOLENCIA DE XÉNERO

“É inadmisible que representantes políticos ou sociais xustifiquen ou minusvaloren” esta violencia con “escusas, mentiras ou peros”, advirten as socialistas porque “non podemos calar ou resignarnos”

A iniciativa tamén reclamará aos gobernos provincial e estatal, medidas co fin de denunciar as violencias que se exercen sobre as mulleres e para ampliar as políticas para a súa erradicación

Ourense, 24 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE reclamará que a Deputación de Ourense “combata e condene” con rotundidade “calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia de xénero”, durante o debate do pleno provincial deste venres, xusto tralo Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller que se celebra o 25 de novembro de cada ano. Nunha iniciativa proporán que o máximo órgano colexiado desta institución se manifeste unanimemente en contra de calquera posicionamento político ou social que cuestione ou poña en dúbida minimamente estas violencias.

“É inadmisible que representantes políticos, sociais ou empresariais xustifiquen ou minusvaloren estas actitudes con escusas, mentiras ou peros”, advirten desde o grupo provincial antes de aseverar que “non podemos resignarnos a que algúns asuman como normal unha traxedia dolorosamente cotiá” porque “o que sucede non é un destino escrito en pedra, senón o resultado dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes, que persiste como unha crise silenciosa”.

“Non imos quedar de brazos cruzados e imos asegurar, coas nosas accións, a liberdade, a seguridade e a independencia das mulleres, a pesar de ter a unha parte da dereita e aos seus altofalantes vociferando ante as propostas contra este problema”, insisten os deputados e deputadas.

Os e  as socialistas  ourensáns  queren que a deputación “poña negro sobre branco” ante “quen utiliza o poder que dan as tribunas dos plenos, dos parlamentos e das institucións para falar de ideoloxía de xénero, cuestionar a lexislación ou o Pacto de Estado e mesmo atacar ás mulleres que denuncian”.  “Non podemos ser cómplices destas desvergoñas co noso silencio”, insisten.

A moción tamén reclamará aos gobernos provincial e estatal medidas para denunciar as violencias que se exercen sobre as mulleres e para ampliar as políticas para a súa erradicación. Concretamente, instará á Deputación a impulsar medidas contidas na Lei Orgánica 1/2004 e no Pacto de Estado no marco das súas competencias e a colaborar coas asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista e traballan pola igualdade. Igualmente reclamará ao ente provincial, “impulsar políticas públicas no ámbito dos servizos sociais, promoción da sanidade e igualdade, co obxectivo da abolición da prostitución”.

A iniciativa demandará do Goberno de España “actualizar e renovar” o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero nas Cortes Xerais, co fin de “buscar o maior consenso político e social” para a “mellora da coordinación institucional co fin de garantir que os fondos do pacto se implementen da maneira máis óptima”, así como a “impulsar un marco normativo orientado á abolición da prostitución”.

Con motivo da celebración deste 25 de novembro, o PSdeG-PSOE coincide na “importancia vital” de alcanzar un gran acordo para renovar o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, co fin de “blindalo máis aló dunha lexislación que se pode derrogar, pois este pacto vincula aos grupos parlamentarios, o que é realmente relevante fronte a discursos negacionistas”.

Respecto á abolición da prostitución –unha medida iniciada noutros países da nosa contorna– os e os socialistas ourensáns afirman que “a pesar de que hai moitos intereses creados” en torno a ela, teñen “claro” que “é unha batalla que hai que dar porque temos a obriga de protexer a esas mulleres e a dignidade do noso país”. “Necesitamos unha boa lexislación e unha mellor práctica transversal en todas as institucións, que sexa multidisciplinar e que abarque a recuperación das vítimas de violencia e de trata”, conclúen.