Denuncias Deputación de Ourense

Votamos en contra de “privatizar salvaxemente” a recollida do lixo prestada pola Deputación de Ourense

O PSDEG-PSOE VOTA EN CONTRA DE “PRIVATIZAR SALVAXEMENTE” A RECOLLIDA DO LIXO PRESTADA POLA DEPUTACIÓN DE OURENSE EN DECENAS DE CONCELLOS DA PROVINCIA

“Vostedes queren facer negocio cun servizo delegado polos concellos na Deputación cos cartos que recadamos os municipios entre a veciñanza”, denunciou Nacho Gómez

“Se van recortar contedores nas aldeas ou reducir as recollidas e o persoal, é evidente que vai ser un servizo máis caro, peor prestado e controlado por unha empresa privada”, insistiu

Ourense, 17 de decembro de 2021. O PSdeG-PSOE votou hoxe en contra da “privatización salvaxe” do servizo de recollida do lixo prestado pola Deputación de Ourense en decenas de municipios da provincia, porque “encarecerá e empeorará notablemente o servizo”. “Este modelo de privatización non vai ser bo para esta provincia”, incidiron os socialistas durante o pleno de decembro.

O deputado, Nacho Gómez, recordou que este servizo público foi implantado polo anterior presidente da Deputación e que, desde a chegada do actual presidente, xa foi intentado privatizar en varias ocasións “sen éxito e incluso con reproches xudiciais”. “Vostedes queren facer negocio cun servizo delegado polos concellos na Deputación cos cartos que recadamos os municipios entre a veciñanza”, denunciou antes de por en dúbida o actual proceder xurídico.  

“Se van recortar contedores nas aldeas ou reducir as recollidas e o persoal, é evidente que vai ser un servizo máis caro, peor prestado e controlado por unha empresa privada”, insistiu. Gómez retou ao goberno provincial a convocar a todos os alcaldes e alcaldesas dos municipios afectados, así como aos empregados e empregadas para explicarlles a situación con toda a documentación xa que, segundo denunciou, non lles comunicaron “absolutamente nada”.

Desde o PSdeG-PSOE defenden que este servizo público debe “adaptarse e mellorarse” para as “necesidades actuais da provincia”, algo que non se acada “recortando ata o punto de suprimir por completo os contedores dalgunhas aldeas ou reducindo as recollidas”. “Dicirlle a persoas maiores que van ter que desprazarse porque non van ter contedores nas súas vilas ou dicirlle ás persoas coas rendas máis baixas de España que van ter que pagar máis, non son boas noticias”,  denunciaron.