Concello de Ourense Denuncias urbanismo

Reclamamos a paralización das obras de Concordia por falta de informes obrigatorios

O PSDEG-PSOE RECLAMA A PATRIMONIO A PARALIZACIÓN DA LICITACIÓN DAS OBRAS DA RÚA DA CASA DO ALCALDE DE OURENSE POR PRESCINDIR DE INFORMES OBRIGATORIOS PARA LEVALAS A CABO

Os socialistas apuntan a que o informe de intervención “é demoledor” e que no proxecto atópanse “numerosas eivas” como a ausencia dunha autorización de Patrimonio para a execución das obras

“Estamos ante un novo capricho do alcalde”, que pretende executar a humanización da “súa propia rúa” e que está cometendo “gravísimas irregularidades, cun comportamento irresponsable, ante a falta de informes clave para levar a cabo a licitación”, afirman dende o PSOE

Ourense, 21 de decembro de 2021.  O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar, ante a xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de Ourense, un escrito no que reclama a Patrimonio a paralización da licitación das obras da rúa Concordia por prescindir de informes obrigatorios para poder executalas. Os socialistas apuntan a que o informe de intervención é “demoledor e desfavorable” e sinalan que consultado o expediente do proxecto atópanse “numerosas eivas”, entre as que destaca a inexistencia dunha autorización para a execución das obras da dirección xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

O expediente de humanización da rúa na que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, ten a súa vivenda, o seu negocio e varios baixos comerciais, foi licitado por un importe de 4.7 millóns de euros e no mesmo incluíase a instalación de sete ramplas mecánicas, a peonalización da rúa e unha plataforma única de árbores, luminaria e cámaras de tráfico para o control de acceso restrinxido. Os socialistas denuncian que ademais do informe desfavorable e da ausencia da autorización de patrimonio, tamén hai “unha infracción do principio de proporcionalidade, vulneración dos principios de transparencia e igualdade, criterios de adxudicación do contrato inxustificados, incumprimento de obrigas legais de conformidade, a inexistencia de informes de viabilidade ou custes de mantemento en canto á instalación dos sete elementos de mobilidade vertical incluídos no proxecto”.

Para a vicevoceira do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense, Natalia González Beneitez, “estamos ante un novo capricho do alcalde”, que pretende executar a humanización da “súa propia rúa” e que está cometendo “gravísimas irregularidades, cun comportamento irresponsable, ante a falta de informes clave para levar a cabo a licitación”. A concelleira socialista sinala que unha vez consultado o expediente “comprobamos que o informe de patrimonio non existe e que de maneira arbitraria sacouse esa licitación a concurso cando non se debería ter feito e estamos ante un acto nulo de pleno dereito pola Lei de procedemento administrativo das entidades locais”.

González Beneitez puxo o foco no informe “demoledor” de intervención e nesa falta de criterios de adxudicación, falta de transparencia e vulneración dos principios de igualdade na licitación, o que segundo as palabras da concelleira “é unha irresponsabilidade manifesta do alcalde, que quixo unicamente por ser a súa rúa, levar adiante este proxecto fora como fora, e a sabéndoas de que está saltando a legalidade”. Ante esta situación a vicevoceira socialista salienta que “non imos aguantar caprichos e tomaremos medidas a través da presentación dun escrito no que solicitamos que se de orde de paralizar de xeito inmediato as obras da rúa Concordia”.

Pola súa banda, o voceiro municipal e provincial, Rafael Rodríguez Villarino, fixo fincapé en que se trata dun proxecto de cooperación, que se leva adiante coa “complicidade” da Deputación de Ourense, que aporta 4.000 euros como un “artefacto legal” para prorrogar a obra ata 2023. O secretario provincial acusa a Baltar de ser “corresponsable” desta ilegalidade e pregúntase de “quen vai ser a responsabilidade cando a Xunta de Galicia paralice o proxecto e busque responsables por este acto de trilerismo político”.

Rodríguez Villarino tamén sinala que “e inconcibible que se leve a cabo unha obra sen permiso e autorización de patrimonio” e laiase que a Deputación de Ourense “forme parte deste tinglado, que parece que é o pan de cada día, nunha cidade e provincia no que a legalidade desapareceu do mapa”. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que “levaremos adiante todas as actuacións necesarias para restablecer a legalidade dun proxecto que agora mesmo nin administrativamente, nin contractualmente ten sentido”.

Esta obra foi incluída na modificación orzamentaria dos 65 millóns de euros aprobada polo goberno municipal, no plan de cooperación provincial da Deputación e para a execución da mesma tamén se anunciou que se incluiría na solicitude de fondos europeos de mobilidade sostible para o Concello de Ourense. Os socialistas recalcan que na rúa Concordia hai 7 edificios catalogados como protección especial e que están no inventario de bens culturais do Concello e no catálogo de patrimonio cultural da Xunta de Galicia. “Por estes motivos é obrigatorio para calquera administración que saque unha actuación ou obras neste ámbito, ter autorización preceptiva de patrimonio, xa que sen esa autorización, ese proxecto non podería saír a licitación”.