concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Cartelle piden a creación de dous centros de día no municipio

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE INSTA AO GOBERNO MUNICIPAL A APROVEITAR AS ANTIGAS ESCOLAS DE OUTOMURO E CARTELLE E CONVERTELAS EN CENTROS DE DÍA PARA USO DA VECIÑANZA

Os socialistas defenden que Cartelle “ten unha necesidade acreditada” de contar con centros de día que poidan dar servizo aos maiores do municipio e as persoas en situación de dependencia

Jesús Pereira considera “necesario e indispensable” dotar á veciñanza dun centro de día que “mellore tanto a calidade de vida das familias con persoas maiores a cargo, co tamén dos propios dependentes”.

Cartelle, 21 de decembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Cartelle vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno municipal na que pide que se aproveiten as antigas escolas municipais de Cartelle e Outomuro, propiedade do Concello, e que se proceda a rehabilitalas e equipalas cos medios e persoal necesarios, converténdoas en centros de día en beneficio da veciñanza do municipio. Os socialistas defenden que Cartelle “ten unha necesidade acreditada” de contar con centros de día que poidan dar servizo aos maiores do municipio e as persoas en situación de dependencia.

Dende o Grupo Municipal Socialista instan ao Concello a que “atendan as reclamacións da veciñanza neste senso”; a que se presente no pleno un “anteproxecto básico” para dotar dun centro de día as parroquias de Cartelle e Outomuro, aproveitando as dúas edificacións municipais; a que se proceda a “rehabilitación final e dotación integral” do material necesario e as infraestruturas que se precisen para que a antiga escola de Outomuro e parte da antiga escola de Cartelle poidan albergar estes centros de día, e tamén, a que se realicen as “xestións oportunas” ante as administracións para solicitar axudas e subvencións.

O voceiro do PSdeG-PSOE de Cartelle, Jesús Pereira Vázquez, apunta que “Cartelle non conta na actualidade con ningún centro día, un servizo que é unha alternativa adecuada para o aumento da calidade de vida do núcleo familiar onde conviven unha ou máis persoas maiores en situación de dependencia”. Por este motivo, o edil socialista considera “necesario e indispensable” dotar á veciñanza dun centro de día que “mellore tanto a calidade de vida das familias con persoas maiores a cargo, como tamén dos propios dependentes”.

“Trátase dunha dotación que permitirá proporcionar unha atención integral á persoa maior dependente e, por outra banda, ofrecerá o necesario apoio ás familias ou coidadores para poder posibilitar unha permanencia adecuada dos maiores na súa contorna habitual”, explica Pereira Vázquez. O voceiro dos socialistas de Cartelle tamén apunta que o Concello “conta con dúas propiedades municipais en Cartelle e Outomuro, nas que se está traballando e procedendo a súa reforma, polo que consideramos que conta coas condicións idóneas para acoller un centro de día”.

Os socialistas remarcan que durante toda a lexislatura “mantivemos unha postura clara e concisa en defensa dos servizos públicos no noso municipio”, motivo polo que remarcan que “debe reforzarse a atención aos nosos maiores e as persoas en situación de dependencia, sendo a mellor forma de facelo a creación de centros de día”. Dende o PSOE de Cartelle tamén poñen o foco en que “unha das nosas prioridades é a atención aos maiores, e especialmente, aqueles que teñen maiores necesidades e niveis de dependencia e menores recursos para custealos”.

Para o Grupo Municipal Socialista “é necesario que se habiliten dous centros de día, por mor do espallamento poboacional e que deste xeito se dea unha atención axeitada á veciñanza de ambas parroquias, ademais das do resto do municipio, que poderían escoller calquera das dúas en función da distancia e o percorrido ata as mesmas”.