Sanidade SOCIALISTAS OURENSÁNS NAS INSTITUCIÓNS Xunta

Instamos á Xunta a loitar contra a enfermidade da silicose

O PSDEG-PSOE INSTARÁ Á XUNTA A IMPULSAR UN CENTRO DE REFERENCIA EN GALICIA PARA O DIAGNÓSTICO, DETECCIÓN, VALORACIÓN, SEGUIMENTO E TRATAMENTO DA SILICOSE

Os socialistas mantiveron xuntanzas co cluster da Pizarra, con UGT e co representante sanitario deste sindicato para coñecer a realidade dun colectivo do que, só en 2020, se detectaron 70 novos casos

Trasladarán á Xunta, a “necesidade” dun plan “integral” de silicose para Galicia, porque “entendemos que todas as consellerías deben traballar conxuntamente cos actores implicados”

Ourense, 23 de decembro de 2021.  O PSdeG-PSOE de Ourense presentará iniciativas a nivel autonómico e provincial para instar á Xunta de Galicia a creación dun centro de referencia ou dun organismo similar, de ámbito galego, para o diagnóstico, detección, valoración, seguimento e tratamento da silicose para os traballadores e traballadoras do sector da pizarra. Os socialistas mantiveron durante o día de hoxe encontros co xerente do cluster da pizarra, cos representantes de UGT e co representante sanitario deste mesmo sindicato. No convenio colectivo da pizarra, asinado en xuño deste ano e publicado en setembro, patronal e sindicatos concordan na necesidade de instar as administracións pertinentes da Xunta, a creación deste centro de referencia.

Durante as reunións tódalas partes concordaron na necesidade da creación deste centro de referencia, ou no seu caso de dúas unidades que deberían estar situadas nas provincias de Ourense e Pontevedra, as máis castigadas pola silicose, especialmente sensible no caso da comarca de Valdeorras, onde abundan especialmente os afectados e afectadas pola enfermidade. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense anunciaron que levarán ao Parlamento de Galicia e a Deputación de Ourense iniciativas neste senso, co obxectivo de dar cobertura médica e de diagnóstico aos afectados e ás afectadas e que non teñan que desprazarse ata Oviedo, ao Instituto Nacional de Silicose, para recibir consulta ou tratamento.

A parlamentaria autonómica, Carmen Rodríguez Dacosta, sinalou que “somos coñecedores de que esta enfermidade está aumentando de forma exponencial na nosa provincia, e en concreto, en Valdeorras” e fixo fincapé en que os casos de silicose “multiplicáronse na última década por dez, a maioría obviamente nesta comarca”. A deputada socialista no Parlamento de Galicia tamén sinalou que “en 2020 as estatísticas amosan que se detectaron 70 novos casos en Galicia, a gran maioría na zona de Valdeorras, o sur de Lugo e Porriño”.

Rodríguez Dacosta apuntou a que os socialistas “imos trasladar a reivindicación de contar cun centro de referencia ou con dúas unidades nas provincias de Ourense e Pontevedra para poder dar un trato axeitado aos afectados e que non teñan que trasladarse a Oviedo para recibir tratamento e seguimento, por todo o que isto supón”. A parlamentaria do PSdeG-PSOE de Ourense tamén subliñou que “trasladaremos á Xunta de Galicia a necesidade dun plan integral de silicose para Galicia, porque entendemos que todas as consellerías deben traballar conxuntamente cos actores implicados”.

Pola súa banda, o secretario provincial, Rafael Rodríguez Villarino, puxo o foco en que se trata dun sector que emprega a 2.400 persoas, “a maioría delas nesta comarca, nun sector que ademais aglutina o 90% da produción nacional de pizarra, polo que o seu valor é incalculable tanto para a economía de Valdeorras, como do conxunto de Ourense e de Galicia”. Por este motivo, o voceiro provincial, apuntou que “debemos protexer ao sector, pero tamén a saúde de todas as persoas que traballan neste ámbito” e preguntouse “como é posible que, tras todos estes ano, non teñamos un centro de referencia para poder tratar a tantas persoas que o necesitan”.

Villarino fixo fincapé en que a situación “é insostible” e sinalou que “é un problema moi relevante e por iso tamén debemos instar á Deputación de Ourense a impulsar unha planificación estratéxica neste ámbito”. “Faremos todo o posible para que, desde a cámara provincial, sexa posible impulsar a creación deste centro de referencia galego, a ser posible ourensán”, concluíu o líder dos socialistas ourensáns.

O deputado provincial e concelleiro en O Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso, destacou que “hai unha demanda bastante importante de atención con respecto a este problema, a esta dexeneración crónica debida ao po nos lugares de traballo, concretamente nas canteiras de pizarra e nas naves”. O edil socialista destacou que “hoxe mantivemos encontros para pulsar as necesidades e para presentar iniciativas neste senso”.

Reunión co representante de UGT no Hospital Comarcal

Xa pola tarde, a deputada Marina Ortega, e os concelleiros en O Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso e Orlando Saavedra, mantiveron un encontro co representante de UGT de sanidade, Victor Pariente, quen lles trasladou aos socialistas que para a atención sanitaria daqueles pacientes con silicose, que xa abandonaron o mundo laboral, e necesitan unha atención periódica, reclaman para o hospital comarcal, unha unidade específica, dotada cos recursos necesarios (humanos, materiais e de infraestrutura), que evite o desprazamentos continuados a Ourense, cando a maior parte dos afectados son de Valdeorras.