PP, JÁCOME E TRÁNSFUGA, MONTSE LAMA, NÉGANSE A CUMPRIR OS CRITERIOS DO CONSELLO DE CONTAS PARA REPARTIR DEMOCRATICAMENTE FONDOS DA DEPUTACIÓN DE OURENSE
“Non esperaba un ataque do PP ao Consello de Contas”, lamentou o líder socialista, Villarino, ante os “desprezos” e “medias verdades” por un “informe obxectivo” que “evidencia as súas vergonzas”
Ourense, 28 de xaneiro de 2022. O Partido Popular, Jácome e a tránsfuga, Montse Lama, negáronse hoxe a cumprir os criterios estipulados polo Consello de Contas para repartir democraticamente os fondos públicos da Deputación de Ourense. Os conservadores e conservadoras non votaron a favor dunha iniciativa socialista que, na súa proposta de acordo, recollía, punto por punto, as conclusións que o máximo ente fiscalizador galego estampou nun informe que fiscaliza os criterios de distribución entre concellos no período 2003-2019.
O voceiro socialista, Rafa Villarino, asegurou que estamos ante un proceder que non é “nin equitativo nin democrático” segundo as conclusións deste “órgano independente” e detallou algunhas cifras comparativas coas outras institucións provinciais de Galicia. O peso porcentual das achegas da Deputación de Ourense para cooperación municipal foi do 6 % no 2018, fronte ao 48 % da Coruña, o 28 % de Pontevedra e o 27 % de Lugo. No referente ao importe total, a deputación ourensá dedicou só 4 millóns a estes plans, fronte aos 76 da Coruña, os 42 de Pontevedra e os 21 de Lugo.


“Non esperaba un ataque do PP ao Consello de Contas”, lamentou o líder socialista ante os “desprezos” e “medias verdades” por un “informe obxectivo” que “evidencia as súas vergonzas”. “Estamos ante unha xestión ineficaz e ineficiente”, insistiu antes de denunciar que “centos de millóns de euros se foron polo sumidoiro” por culpa deste “reparto a dedo” do goberno de Baltar, DO e a tránsfuga Lama. “Vostedes están en contra dos ditames e recomendacións de Contas”, aseverou Villarino tras recordar á corporación que os puntos de acordo son “precisamente” as conclusións do ente fiscalizador.
“Todo o que se fai nesta deputación é clientelar, sen ter en contar a equidade, a coordinación ou a perspectiva de xénero, tal e como indica Contas”, advertiu o portavoz do PSOE antes de denunciar que o PP e os seus socios “xa perderon o pudor e por iso non lles importa votar en contra”. “A palabra democracia cáusalles sarpullidos”, concluíu.

A pesar de que Contas advirte, entre outras conclusións, que os criterios non son “obxectivos e equitativos” e que a distribución destes cartos de “forma discrecional” pasou de representar o 30 % en 2006 ao 76 % durante de 2016, PP, DO e a tránsfuga optaron por ignorar vergoñentamente un informe que evidencia un reparto “inxusto, insolidario e falto de toda transparencia” que “non cumpre cos criterios básicos dunha democracia”, insistiron desde o PSdeG.
A moción demandaba, unha vez máis, un plan que integre todas as axudas e unha regulación técnica para estes instrumentos. Tamén incluír neles todas as actuacións que respondan a este obxecto, usando convenios “a dedo” de forma excepcional e xustificando a súa elección. Igualmente esixía unha análise do custo dos servizos municipais nos criterios de reparto entre os concellos, puntos que deberían ter en conta a poboación; o número de núcleos habitados; a superficie ou o envellecemento dos empadroados, entre outros.
