OS SOCIALISTAS DENUNCIAN QUE O BNG PREFIRE MANTER A REFORMA LABORAL UNILATERAL DE RAJOY ANTES QUE APROBAR A NOVA NORMA UNÁNIME DO GOBERNO DE SÁNCHEZ
“Con esta reforma avanzamos en dereitos laborais e melloras salariais, pero non devaluamos as nóminas dos traballadores e traballadoras, como fixo o PP hai unha década”, insisten desde o PSOE
Ourense, 28 de xaneiro de 2022. O PSdeG-PSOE denuncia que o BNG sumouse hoxe aos conservadores da Deputación de Ourense, para non defender a aprobación da nova normativa laboral moderna e acordada, por primeira vez na historia, cos representantes sindicais, empresariais e do Goberno central. “É incomprensible que un partido progresista prefira manter a normativa regresiva aprobada a dedo e sen acordo polo goberno de Mariano Rajoy, antes que esta nova lexislación que nos sitúa á vangarda dos dereitos sociais e laborais de Europa”, proclaman desde o grupo provincial socialista.
Diego Fernández asegurou que “aínda que todos os actores seguro que tiñan outras pretensións iniciais”, o resultado que está en trámite no Congreso é “froito do diálogo” e do “acordo” para “avanzar”. O deputado socialista detallou que esta reforma servirá para “impulsar” a economía e a demografía de Ourense porque, entre outras razóns, “quita unha lousa de inxustiza sobre a mocidade da nosa provincia” que impuxo o texto de Rajoy. “Trátase dun éxito de país”, insistiu antes de salientar a importancia de avanzar na senda marcada por esta normativa “para cambiar o actual modelo produtivo” e de instar ao presidente Baltar a “falar coa CEO que tamén abandeira esta reforma”.

Durante a sesión o deputado reclamou o referendo unánime para “a creación de emprego estable e de calidade” e para “atallar a precariedade e o desemprego”, co fin de “impulsar o crecemento actual”. “Dicir non a esta lexislación laboral é dicir non ao progreso das nosas empresas e de todas as persoas”, aseguran os e as socialistas.
“Con esta reforma avanzamos en dereitos laborais e melloras salariais, pero non devaluamos as nóminas dos traballadores e traballadoras, como fixo o PP hai unha década”, insisten antes de destacar a “exemplaridade do acordo unánime acadado agora por todos os axentes sociais e non as contrarreformas de antes”. Desde o PSdeG-PSOE da Deputación de Ourense insisten en reclamar a todas as forzas políticas da provincia que “apoien este novo marco normativo pois, de non facelo, quedaremos co que tiñamos aprobado sen acordo por Rajoy no ano 2012 e as súas lamentables consecuencias”.
