O PSDEG-PSOE DE VIANA DO BOLO IMPULSA A CONSTRUCIÓN DUN PASEO OU MALECÓN NO ENCORO DO BAO PARA APROVEITAR A “BELEZA” PAISAXÍSTICA QUE OFRECE ESTA ZONA
Os socialistas consideran que este proxecto serviría para “atraer turistas que buscan o contacto coa natureza”, ademais de servir para o “uso, desfrute e punto de xuntanza da veciñanza de Viana do Bolo”
Consideran que non sería un proxecto faraónico, “xa que tan só habería que negociar con Iberdrola a cesión dos terreos e acadar os permisos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil”
Viana do Bolo, 31 de xaneiro de 2022. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo presenta unha moción para o pleno municipal do vindeiro 3 de febreiro na que insta ao goberno municipal a que proceda a construción dun paseo ou malecón nas ribeiras do encoro do Bao. Os socialistas avogan porque esta construción se leve a cabo en dúas posibles localizacións que serían perfectas para acoller esta nova construción e avogan porque se realice ben tralo paseo existente o rematar a ponte da estada da Gudiña, ou ben facelo entre a ponte da estrada que se dirixe a Vilariño de Conso e a ponte da estrada da Gudiña.
Dende a Agrupación Socialista de Viana do Bolo consideran que este proxecto serviría para aproveitar a “beleza que ofrece a paisaxe do encoro” e deste xeito “atraer turistas que buscan o contacto coa natureza”, ademais de servir para “o uso e desfrute da veciñanza de Viana, que contaría cunha infraestrutura nun lugar único polas súas condicións naturais”. Os socialistas avogan porque o paseo conte con bancos e árbores para que deste xeito a zona se converta nun lugar de “xuntanza e recreo” seguindo os exemplos do Malecón do Barco de Valdeorras ou do paseo que se está a construír entre Petín e A Rúa.
Os socialistas apuntan a que os terreos que están actualmente na beira do encoro carecen na súa maioría de uso e son propiedade de Iberdrola que ten os dereitos sobre as marxes embalsadas para o aproveitamento hidrográfico destas augas. Por este motivo, instan ao goberno municipal a “iniciar as conversas coa empresa propietaria do aproveitamento, para conseguir a cesión de ditos terreos para a construción de dito paseo”. Remarcan que a construción “podería realizarse sen acometer investimentos para a expropiación de terreos, xa que bastaría cunha cesión por parte de Iberdrola, sen investimentos faraónicos para mercar propiedades privadas, nin ter que negociar con diferentes propietarios para adquirir os terreos, algo que facilita moito a construción deste paseo-malecón”.
Dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo lembran que esta construción “estaba incluída dentro do programa electoral que presentamos de cara as últimas municipais” e apuntan a que “outros grupos políticos tamén o levaban no seu programa, polo que sería interesante chegar a un acordo neste senso para que Viana e as súas xentes gañen coa construción dun paseo nun lugar envexable como e o encoro do Bao, en contacto coa natureza e coa auga”.
Os socialistas piden na moción que no caso de aprobarse se inicien tamén contactos coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil para deste xeito obter os permisos correspondentes para acometer dita construción. Tamén instan ao goberno municipal a realizar as xestións “oportunas” ante a Xunta de Galicia, a Confederación Hidrográfica e a Deputación Provincial de Ourense co fin de “obter fondos que permitan afrontar o investimentos destas obras e minimizar así a achega que teña que facer o Concello”.