concellos INICIATIVAS

Os socialistas de Cartelle urxen solucións á parcelaria e o plan de urbanismo

O PSDEG-PSOE DE CARTELLE DENUNCIA QUE AS POLÍTICAS DA “PARÁLISE E O DESLEIXO” DO PP NO MUNICIPIO ESTÁN SUPONDO GRAVES “PROBLEMAS” Á VECIÑANZA EN MATERIA DE URBANISMO

Os socialistas critican que un ano despois de reclamar “solucións urxentes” para os máis de 1000 afectados pola ausencia de títulos de propiedade da parcelaria de Cartelle “nada se fixo” por parte da Xunta

Afirman que a situación “está prexudicando gravemente á veciñanza posto que non poden vender vivendas ao non contar cos títulos de propiedade e non aprobarse o plan de urbanismo, xa que moitas destas propiedades se atopan en chan rústico”

Cartelle, 15 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que un ano despois de reclamar “solucións urxentes” para os máis de 1.000 propietarios da concentración parcelaria da parroquia de Cartelle, iniciada no ano 1993, e que non contan cos títulos de propiedade, “todo segue paralizado”. Os socialistas critican a xestión do Partido Popular que “abandona a súa sorte á veciñanza” e non ofrece ningún tipo de solución aos afectados, a pesar de comprometerse a elo fai un ano, trala denuncia da situación por parte do PSdeG de Cartelle.

Dende o Grupo Municipal Socialista critican as “promesas incumpridas” dun goberno municipal que “nin está, nin se lles espera” e afirman a que o Concello atópase sumido na “absoluta parálise” e coa veciñanza reclamando solucións. Ao tema da concentración parcelaria, que rematouse entre os anos 2006 e 2007, sen que os propietarios recibisen os pertinentes títulos de propiedade, súmase tamén a ausencia de resolución do plan urbanístico. Un plan urbanístico que os socialistas xa denunciaron en marzo do ano pasado posto que é “totalmente prexudicial para a veciñanza do municipio”, xa que centos de veciños e veciñas quedarían coas súas vivendas localizadas en chan rústico, e que correrían o risco de que as súas vivendas fosen derrubadas en caso da aprobación de dito plan.

A situación agravouse nos últimos meses, xa que tal e como relatan dende o PSdeG-PSOE de Cartelle, “hai varios veciños e veciñas interesados en vender as súas propiedades e que contan con persoas interesadas en mercar ditas vivendas”. O problema xorde a hora de facer efectiva esa compra, xa que tal e como afirma o voceiro socialista no municipio, Jesús Pereira Vázquez, “ao non contar estas vivendas coa pertinente escritura e título de propiedade e atoparse en chan rústico, o comprador non quere asumir a adquisición da vivenda, xa que a situación non se atopa regularizada”.

Pereira Vázquez deixa claro que a situación actual “é insostible” e pide ao goberno municipal que se “implique dunha vez por todas na defensa dos intereses da veciñanza, que para iso foron elixidos polo pobo”. Para o voceiro dos socialistas de Cartelle a solución pasa por “esixirlle novamente á Xunta de Galicia que faga os deberes e proceda a emisión dos títulos de propiedade da parcelaria e que o Concello aprobe un plan de urbanismo no que non se prexudique á veciñanza para atender aos escuros intereses do alcalde, Jaime Sousa, a senadora, Carmen Leyte, e o seu séquito”.

Os socialistas xa presentaron un escrito en Medio Rural para buscar solucións para os veciños e veciñas desta parcelaria e pedir que “con urxencia” se proceda a elaboración dos títulos de propiedade e que se “poña fin ao abandono e o desleixo que sofren en Cartelle por parte do PP, que opta por abandonar á veciñanza e deixar morrer o rural”. Lembran tamén que dende o Grupo Municipal Socialista manifestaron no seu momento a súa conformidade para que Cartelle conte cun plan básico de ordenación do urbanismo, pero tamén explican que “non pode ser un plan que beneficie a uns e prexudique a outros”, como acontecerá co plan que o Partido Popular pretende levar a cabo.