Concello de Ourense INICIATIVAS

Propomos unha batería de iniciativas de cara ao 8 de marzo

O PSDEG-PSOE DE OURENSE PÍDELLE AO BIGOBERNO DA CIDADE QUE NON “BALEIRE” DE CONTIDO OS ACTOS DO 8M E QUE DUNHA VEZ POR TODAS CUMPRA COAS MATERIAS QUE TEÑEN “PENDENTES”

Os socialistas pídenlle a PP e DO “altura de miras políticas” para organizar actos con motivo do Día Internacional da Muller e denuncian o “abandono total” da igualdade no Concello de Ourense

Presentan unha ampla batería de actividades para esta celebración e pídenlle ao goberno municipal que recupere iniciativas “gardadas no caixón” como a aprobación IV Plan para a Promoción da Equidade de Xénero, o rueiro de mulleres ou os murais feministas na cidade

Ourense, 15 de febreiro de 2022.  O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “abandono total” da igualdade e da reivindicación da figura da muller por parte do bigoberno de PP e DO. Os socialistas acusan a populares e ao partido de Jácome de non cumprir coas “materias pendentes” en materia de igualdade e pídenlle que “teñan altura de miras políticas” para organizar actos con motivo do 8 de mazo, Día Internacional da Muller, e non “baleiren” novamente de contido unha data tan sinalada e na que segundo afirman “debemos amosar o noso compromiso coas mulleres da cidade de Ourense e do rural”.

Entre as materias pendentes de aprobación e que os socialistas levan tempo reclamando que se leven a práctica destacan a reactivación do rueiro das mulleres “unha aposta do Consello Municipal de Igualdade e que aínda se atopa sen cumprir”, a realización dun mural de graffiti feminista que retrate aquelas mulleres que forman parte da historia da cidade e da provincia, ou a elaboración do IV Plan para a Promoción da Equidade de Xénero do Concello de Ourense que segundo relatan “caducou en 2020 e dous anos despois seguimos sen ningunha nova ao respecto, a pesar de levar varias iniciativas neste senso no último ano e medio, que incluso foron aprobadas en pleno”.

Os socialistas, asemade, defenden novamente que os actos municipais se realicen co acompañamento dun intérprete de lingua de signos. “Consideramos que é imprescindible asegurar o dereito acceso en igualdade á programación do Concello por parte de todos os colectivos que así o desexen, incluídas as persoas xordas da cidade”, relata a concelleira socialista Concha García. Outra das materias pendentes do bigoberno, que se comprometeu en sesión plenaria tras unha moción socialista a contar cun intérprete nos plenos e actos municipais, pero tal e como apunta a edil do PSdeG-PSOE “a día de hoxe nada se fixo ao respecto”.

Dende o Grupo Municipal Socialista urxen ao bigoberno a que se comprometa con estas iniciativas e propoñen unha nova batería de iniciativas de cara ao 8M, que amplía as propostas doutros anos. Entre as mesmas atópanse a elaboración de ciclos de charlas que “non queden simplemente nun acto en dependencias municipais como o auditorio ou o concello, senón que se leven tamén aos centros cívicos e se orienten entorno a figura da muller ama de casa e da muller no rural”. Para García Lozano “é importante falar destas mulleres, que en moitas ocasións sen contar cunha formación universitaria, foron pioneiras e sacaron adiante importantes traballos e as súas familias, polo que as consideramos auténticas heroínas e pedimos darlles visibilidade”.

Os socialistas tamén propoñen a instalación de puntos informativos do 8M por toda a cidade de Ourense, que lle sirvan á cidadanía “non só para informarse, senón para tomar conciencia do papel da muller na sociedade”. Ademais propoñen que se empregue a nova biblioteca de San Francisco para realizar campañas de “visualización da figura da muller”.