concellos INICIATIVAS

As socialistas de Punxín esixen a limpeza dos camiños municipais

O PSDEG-PSOE DE PUNXÍN ESÍXELLE AO GOBERNO MUNICIPAL QUE PROCEDA A REALIZAR UNHA LIMPEZA “EXHAUSTIVA” DOS CAMIÑOS DO MUNICIPIO TOTALMENTE “ABANDONADOS” E “INTRANSITABLES”

As socialistas denuncian o total “desleixo” e “abandono” que vive o municipio e que o estado destes camiños impide que a veciñanza poida acceder aos seus terreos e realizar tarefas cotiás

A voceira do PSdeG, Lorena Peleteiro, subliña que “non podemos requirir á veciñanza que proceda á limpeza das fincas, e que ao mesmo tempo, o Concello teña os accesos intransitables”

Punxín, 16 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE de Punxín esíxelle ao grupo de goberno municipal que proceda a realizar unha limpeza “exhaustiva” dos camiños e vías públicas do municipio. Os socialistas denuncian o total “desleixo” e “abandono” que se vive no municipio, con camiños públicos “intransitables” que impiden o paso da veciñanza as súas fincas, montes e terreos, dificultando moito o seu día a día para facer as tarefas cotiás e tamén para poder moverse polo municipio.

Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que nos últimos días “estase a requirir aos propietarios das fincas que procedan á limpeza das mesmas, pero atópanse co abandono e a situación intransitable do camiño, o que impide o acceso ás mesmas”. Ante esta situación, varios veciños e veciñas do municipio puxéronse en contacto coas concelleiras socialistas para que traten de buscar algunha solución e que o alcalde escoite as súas demandas.

As concelleiras do PSdeG-PSOE de Punxín instan ao Concello a que proceda a realizar a limpeza dos camiños públicos con carácter de “urxencia” e amosan o seu “profundo” malestar pola situación na que se atopan, xa que impiden as tarefas da veciñanza e ademais supoñen “un perigo para a mobilidade da veciñanza e un grave risco en caso de incendios”. As socialistas consideran apropiado que se inste á limpeza da maleza ao redor dos núcleos de poboación e das casas que se atopan illadas, “tal como levamos anos reclamando”, pero consideran que o Concello de Punxín “ten que dar exemplo, antes de reclamarlle á veciñanza algo que o propio goberno municipal non é quen de facer”.

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, “día tras día asistimos a unha forma de facer política na que non se conta coa veciñanza, na que se opta pola desidia e o abandono total e na que hai un desinterese absoluto polos problemas do noso municipio”. A concelleira socialista fai fincapé en que “non podemos requirir á veciñanza que proceda á limpeza das fincas, e que ao mesmo tempo, o Concello teña os accesos a ditas fincas totalmente intransitables”. Ante esta situación, as socialistas reclaman un plan de limpeza de camiños por parte do goberno municipal, que poña fin dunha vez por todas a “lamentable situación na que se atopan”.