Deputación de Ourense INICIATIVAS

Aprobada a iniciativa do PSOE para crear unha unidade de tratamento da silicose en Ourense

O PSDEG-PSOE APLAUDE QUE A DEPUTACIÓN APROBASE A INICIATIVA SOCIALISTA PARA A CREACIÓN DE DÚAS UNIDADES DE REFERENCIA EN OURENSE E PONTEVEDRA PARA TRATAMENTO DA SILICOSE

“O 33 % dos casos de silicose de toda España estanse a dar na provincia”, salientou o deputado, Aurentino Alonso tras destacar como “imprescindible” e “perentorio” mellorar a atención a unha enfermidade que “non ten cura”

A moción tamén demanda a implantación no Hospital de Valdeorras dunha “unidade de pneumoloxía, coordinada coa do hospital de referencia da provincia, para o seguimento periódico de doentes”

Ourense, 25 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE aplaude que o pleno da Deputación Provincial aprobase este venres a iniciativa socialista para a creación de dúas unidades de referencia en Ourense e Pontevedra, para a prevención e tratamento da silicose. O acordo recolle unha “necesaria reivindicación” realizada desde os sindicatos e a patronal da lousa, co fin de “mellorar substancialmente a atención” aos doentes, “evitando traslados ata Oviedo, debido aos altos custes económicos e persoais que iso supón para eles e as súas familias” e dada a “elevada incidencia deste problema na nosa comunidade autónoma”, especialmente en Valdeorras e no interior da provincia de Pontevedra.

“O 33 % dos casos de silicose de toda España estanse a dar na provincia”, salientou o deputado, Aurentino Alonso tras destacar como “imprescindible” mellorar a atención a unha enfermidade que “non ten cura” e que afecta ao sistema respiratorio pola inhalación mantida da sílice cristalina, vinculada ás actividades de minería. Ante o agravamento da situación, cunha multiplicación por dez no número de casos e afectando a persoas cada vez máis mozas, empresarios, empresarias e sindicatos incluíron esta demanda no último convenio colectivo da lousa.

Sobre a solicitude do BNG a respecto da creación desta unidade de referencia no Hospital de Valdeorras, Alonso matizou que “inicialmente valoramos reclamar o servizo para ese hospital comarcal, pero os técnicos e técnicas consultados explicaron que debe estar nun centro sanitario potente preto da zona afectada que conte con todos os servizos médicos, especialmente o de pneumoloxía” e “na nosa provincia é o hospital da capital”, mais “tamén reclamamos que un neumólogo se achegue semanalmente a este hospital comarcal”.

A iniciativa, que foi aprobada por unanimidade de todos os grupos políticos da corporación provincial, reclama á Xunta á creación de “dúas unidades de referencia” dentro da rede pública do Sergas –unha en Ourense e outra en Pontevedra– para a “diagnose, detección, valoración, seguimento e tratamento”. Tamén insta á posta en marcha dun “programa integral sobre a silicose” coa participación das consellerías de Emprego, Sanidade e Industria que inclúa “formación, protocolos de actuación, control e investigación”.

Igualmente demanda a implantación no Hospital de Valdeorras dunha “unidade de pneumoloxía, coordinada coa do hospital de referencia da provincia, para o seguimento periódico de doentes”, debido á elevada incidencia de casos nesta comarca. Así mesmo pide ao goberno bipartito de PP e DO que manifeste publicamente o “compromiso de defender os intereses da veciñanza”, esixindo á Xunta o cumprimento destas necesidades.