Denuncias Deputación de Ourense

Reverteremos a privatización da recollida do lixo impulsada por Baltar e Jácome

O PSDEG-PSOE REVERTERÁ Á XESTIÓN PÚBLICA A PRIVATIZACIÓN DA RECOLLIDA DO LIXO IMPULSADA POR BALTAR E JÁCOME QUE SUPORÁ UNHA “ECATOMBE” PARA DECENAS DE MILES DE VECIÑOS

“Non permitiremos esta privatización brutal” proclamou Nacho Gómez e, no caso de que suceda, “encargarémonos en 2023 de devolverlle o carácter público cando esteamos presidindo a deputación”

“Os informes non conclúen beneficios para a veciñanza; unha rebaixa dos custes; melloras na sostenibilidade económica ou incremento algún da eficacia e a eficiencia”, advertiu Gómez quen tamén denunciou que van “reducir drasticamente” os contedores nos pobos ou os horarios de recollida

Ourense, 25 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE reverterá á xestión pública a “brutal privatización” do servizo de recollida do lixo que presta a Deputación de Ourense, impulsada a dedo por Manuel Baltar e Gonzalo Pérez Jácome e que suporá unha “ecatombe” para decenas de miles de veciños e veciñas da provincia. Así o anunciou o deputado, Nacho Gómez, durante o debate dunha iniciativa socialista no pleno celebrado hoxe na que se reclamaba a paralización inmediata deste proceso, que foi rexeitada por PP, Democracia Ourensana e pola tránsfuga, Montse Lama.

A moción reclamaba “paralizar definitivamente” esta privatización e “reforzar” o servizo cun modelo integral baseado nunha xestión pública cento por cento, non mercantil, sen ánimo de lucro, transparente e sostible. Igualmente esixía “absterse de adoptar calquera decisión, no presente ou no futuro, que supoña un retroceso, externalización ou privatización”.

“Moitos dos alcaldes e alcaldesas de camiseta azul, algúns moi preto de donde estamos, non están dacordo e piden ao PSOE que sigamos a defender o modelo público” destacou o deputado antes de anunciar que os e as socialistas “imos tratar de paralizar desde os municipios e desde esta bancada o proceso”. “Non permitiremos isto” proclamou Gómez e, no caso de que suceda, “encargarémonos en 2023 de devolverlle o carácter público cando esteamos presidindo esta deputación”.

Desde o grupo provincial socialista advertiron que os conservadores “non poden privatizar á forza” un servizo que a Deputación ourensá ten delegado por parte de decenas de concellos con argumentos “pasaxeiros e de carácter exclusivamente político”. “Os informes non conclúen beneficios para a veciñanza; unha rebaixa dos custes; melloras na sostenibilidade económica ou incremento algún da eficacia e a eficiencia”, advertiu Gómez quen tamén denunciou que van “reducir drasticamente” os contedores nos pobos ou os horarios de recollida.

O deputado do PSdeG-PSOE concluíu sinalando que “vimos a este pleno a construír” sempre con “propostas” para “mellorar” a vida da veciñanza e “deixando as psicofonías para programas de televisión”.

Este servizo en réxime de competencia delegada abarca 74 dos 92 concellos da provincia. A Deputación tamén realiza a recollida selectiva de envases lixeiros en 17 concellos; de papel e cartón en seis concellos e de vidro noutros nove concellos. Igualmente asume o servizo de punto limpo en 64 concellos. Os medios materiais suman 40 vehículos, uns 18.000 contedores, 17 puntos limpos e 11 plantas de transferencia.