IV congreso provincial PSdeG

O 4º Congreso Provincial elixe a nova executiva con máis do 86 % dos votos

O PSDEG-PSOE DE OURENSE CLAUSURA O SEU 4º CONGRESO PROVINCIAL ELiXINDO UNHA NOVA EXECUTIVA CON MÁIS DO 86 % DOS VOTOS

O comité provincial está formado por 90 persoas e nova comisión executiva está composa por 51 persoas, sendo Diego Alonso o novo secretario de organización e Álvaro Vila, vicesecretario xeral

Rafa Villarino asegurou que “hai que estar xuntos para transformar esta provincia clientelar porque xuntos somos imparables” e anunciou que o PSOE vai gobernar o concello e a deputación

Ourense, 26 de febreiro de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense clausurou esta tarde o 4º Congreso Provincial no que Rafa Villarino, vencedor das últimas eleccións primarias, foi proclamado secretario xeral dos socialistas por segundo mandato consecutivo. Neste proceso congresual celebrado no salón Marie Curie do campus universitario da terceira cidade de Galicia, no que participaron máis de 250 persoas entre delegados, delegadas, convidados e convidadas, cunha mesa presidida pola alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, tiñan dereito a voto 87 delegados e delegadas.

As porcentaxes de aprobación dos órganos foron os seguintes:

> Executiva provincial: 86,30 %
> Comité provincial: 97,36 %
> Comisión de ética: 86,30 %
> Comisión de control económico: 86,30 %

Durante a súa intervención na clausura do congreso, Rafa Villarino tivo palabras de recordo para persoas destacadas do socialismo na provincia e apelou ao “diálogo” co fin de “fortalecer” o PSdeG-PSOE. Tamén afirmou que a nova executiva “é de todos e de todas porque somos servidores do partido pero sobre todo da cidadanía” que “está a agardar por nós”.

“As persoas que estamos na executiva e os demais compañeiros e compañeiras do partido, debemos estar xuntos para transformar esta provincia clientelar e, por iso, imos conseguir a primeira deputación socialista da historia de Ourense e imos gobernar no concello de capital”, proclamou antes de anunciar que a nova executiva “vaise desprazar por toda a provincia”, celebrando a súa primeira reunión ordinaria en Castrelo de Miño. “Imos a seguir nas rúas para convencer e emocionar ás persoas de que hai unha alternativa”, insistiu.

“Imos a traballar en equipo” proclamou o líder socialista quen tamén destacou que “non vale para nada dicir o que imos facer” xa que o importante é “como o imos facer”. “Hai que facer que este territorio teña futuro” e os e as socialistas ourensáns “temos unha responsabilidade” porque “sufrimos moito pola situación na que se atopan o concello e a deputación”. “Temos que ter unha visión ampla entre todos os concellos, todas as provincias e toda Europa”, dixo Villarino antes de sinalar que esta nova executiva “vai traballar unida” para que “a xente convencida de que se poden cambiar as cousas se una a nós”.

“O PSdeG-PSOE de Ourense é un partido unido e hoxe neste congreso quedou amplamente demostrado”, insistiu antes de pedir a todos e todas os socialistas da provincia “que arrimen o ombreiro” para “colaborar cunha visión longa” que permita á veciñanza “seguir a confiar en nós”.

“Hai catro anos o noso eslogan foi ‘a xente está esperando por nós’ e efectivamente moita xente esperou para darnos a súa confianza”, recordou o secretario provincial antes de sinalar que “despois dixemos ‘Ourense xa’ e gañamos as eleccións pero pasou o que pasou cun pacto da vergoña e dixemos ‘Basta xa!’ata chegar o novo lema. “Sabemos que somos a única alternativa para Ourense e temos que dicirlle á xente que se una porque xuntos, de verdade, somos imparables”, concluíu.