POLÍTICA PROVINCIAL

Os socialistas de Beade impulsan a sinalización das fontes de auga non potable

O PSDEG-PSOE DE BEADE CELEBRA QUE O CONCELLO, TRAS MESES DE “DEIXADEZ”, PROCEDESE A SINALIZAR AS FONTES NAS QUE A AUGA NON É APTA PARA O CONSUMO HUMANO E QUE PROVOCARON VARIOS CASOS DE GASTROENTERITE E A “INACCIÓN” DO ALCALDE

Os socialistas presentaron varios escritos e a Consellería de Sanidade requiriulle ao rexedor de Beade que “sinalizase as fontes indicando que a auga non era potable, seguindo os protocolos establecidos”

Remarcan que “unha vez máis temos que ser os socialistas os que miremos polos intereses, a seguridade e a saúde da veciñanza de Beade, ante a inacción e desidia do alcalde do PP, Senén Pousa”

Beade, 8 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE de Beade impulsa a colocación de carteis en varias fontes do municipio nos que se indica que o consumo de auga non é potable. Os socialistas presentaron varios escritos tanto no Concello como diante da Consellería de Sanidade para instar ao alcalde a tomar medidas, despois de que varios veciños e veciñas sufriran episodios de gastroenterite por beber de ditas fontes ante a “desidia” do alcalde do Partido Popular, Senén Pousa, que “optou por ignorar a situación ata que a xefatura territorial en Ourense da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia lle requiriu ó Concello a devandita sinalización”.

Dende o Grupo Municipal Socialista explican que no pleno extraordinario celebrado o pasado 11 de xaneiro, a petición dos socialistas, aproveitaron para preguntarlle ao rexedor de Beade sobre o arranxo das fontes municipais e tamén sobre se a auga era apta para o consumo humano. “Ante a falta de respostas e actuacións por parte do rexedor nun tema tan importante para a saúde pública, decidimos tomar cartas no asunto e trasladarlle a situación a Consellería de Sanidade, mediante un escrito por rexistro”, explican os socialistas. A xefatura territorial en Ourense da consellería respondeulle os socialistas que “xa se puxeran en contacto co Concello de Beade, responsable do control sanitario das fontes públicas, para requirirlle a sinalización das mesmas de acordo ao protocolo establecido pola Consellería de Sanidade”.

O PSdeG-PSOE de Beade remarca que ata o momento “fomos os únicos que nos preocupamos e tivemos interese pola pureza da auga que bebe a veciñanza”. Os socialistas explican que ante a aparición de casos de gastroenterite motivados polo consumo da auga da fonte Nova e da fonte de San Ignacio, decidiron “tomar cartas no asunto” para paliar a situación e “alertar á veciñanza” ante un caso que afecta a saúde pública. Tralo traballo levado a cabo polo PSOE, estas dúas fontes contan hoxe xa coa sinalización pertinente de que a auga non é apta para o consumo humano.

A concelleira socialista en Beade, Carmen Rama Cotelo, destaca que “gracias a incansable labor da oposición, a saúde da veciñanza do noso concello está un chisco máis garantida”. A edil do PSdeG-PSOE tamén fai fincapé en que “unha vez máis temos que ser os socialistas, estando na oposición, os que miremos polos intereses, a seguridade e a saúde da veciñanza de Beade, ante a inacción e desidia dun alcalde afastado das rúas e da realidade do municipio e que non move un só dedo por resolver os problemas dos seus veciños e veciñas”.

Rama Cotelo considera de “suma gravidade” que ante un problema de saúde pública como é que varias fontes do municipio distribúan auga non apta para o consumo humano, o alcalde “opte por facer política de brazos cruzados, ignorar a realidade e non sinalizar correctamente que non se pode consumir a auga destas fontes”. A edil do PSOE esíxelle a Senén Pousa que “cumpra coa veciñanza de Beade” e lémbralle que “se debe por completo a eles como alcalde do municipio”, motivo polo que lle pide que “traballe pola veciñanza ou se aparte e deixe paso aos socialistas que somos os que realmente estamos a loitar por Beade ante o abandono do PP”.

O PSdeG-PSOE de Beade tamén segue a reclamar o arranxo da fonte Nova, na que segundo explican “a auga derrámase pola beirarrúa ante un problema de canalización e cando baixan as temperaturas esta zona convértese nunha pista de xeo, moi perigosa para a veciñanza que transcorre por ela”. Os socialistas volven a reclamar o seu arranxo “urxente”, co fin de “evitar caídas e que os veciños e veciñas de Beade se manquen”.