concellos

O alcalde de Riós dimite ao non poder seguir cobrando o seu soldo do Concello por mor da catastrófica situación económica

O PSDEG-PSOE DE RIÓS ACUSA AO ALCALDE, FRANCISCO VEIGA, DE “ABANDONAR” O BARCO E DEIXAR O CONCELLO A “DERIVA” E SUMIDO NUNHA SITUACIÓN ECONÓMICA “CATASTRÓFICA”

No pleno extraordinario celebrado no día de hoxe o rexedor do Partido Popular anunciou a súa dimisión segundo afirman os socialistas “pór non poder facer fronte o Concello o seu elevado salario público”

Os socialistas denuncian que o Concello “ten que facer fronte a unha débeda de máis de 325.000 euros, polo que terá que recorrer a un préstamo e hipotecar o municipio para os próximos 12 anos”

Ourense, 14 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE de Riós acusa ata o de hoxe alcalde, Francisco Armando Veiga Romero, de “abandonar” o barco e deixar o Concello a “deriva” e sumido nunha situación “catastrófica” no económico. Os socialistas acudiron ao pleno extraordinario celebrado hoxe no consistorio, onde o rexedor anunciou a súa dimisión ante a incapacidade do Concello de poder seguir sustentando o seu salario debido a “pésima” situación económica que atravesan as arcas municipais.

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian que o Concello do Riós “ten que facer fronte a unha débeda de máis de 325.000 euros, polo que agora terá que recorrer a un préstamo e someterse a un plan de saneamento, o que supón hipotecar o noso municipio para os próximos 12 anos”. Os socialistas acusan ao alcalde e ao seu equipo de goberno do Partido Popular de “ser culpables e responsables desta situación” e critican que o rexedor “abandone o barco e dimita cando a situación é extremadamente grave”, algo que segundo afirman “pon de manifesto que o Partido Popular do Riós traizoa á veciñanza e escapa das súas responsabilidades cando veñen mal dadas”.

O PSdeG-PSOE de Riós lembra que ao longo dos últimos anos “xa advertimos de que a situación económica non era boa, pero sempre nos atopamos coa resposta do alcalde que dicía que non era verdade”. Tras o pleno extraordinario celebrado esta mañá, os socialistas teñen claro que “tiñamos a razón e así queda demostrado coa dimisión do alcalde, que debido a débeda non pode seguir cobrando o seu salario do Concello”.

Para os socialistas esta situación “é froito de demasiados anos ao fronte da alcaldía dunha persoa que non prestou atención ao día a día do Concello e que deu as costas á veciñanza, optando por deixalos tirados a falta de pouco máis dun ano para o fin da lexislatura por mor de non poder seguir cobrando un salario público”. Ante esta circunstancia os socialistas amósanse “indignados” e apuntan a que “non é de recibo que o alcalde renuncie e abandone o barco cando hai dificultades financieiras”.