industria POLÍTICA PROVINCIAL

Reunímonos cos empresarios do polígonos do cinto industrial de Ourense

O PSDEG-PSOE MANTÉN UN ENCONTRO CON REPRESENTANTES DO CINTO INDUSTRIAL DE OURENSE PARA COÑECER AS DEMANDAS DOS EMPRESARIOS E OS SEUS 13.000 EMPREGADOS

Os e as socialistas comprometéronse a impulsar unha colaboración entre a Deputación e o Parque Tecnolóxico de Galicia para canalizar información e trámites sobre a financiación europea de proxectos

“Queremos concretar estratexias e liñas empresariais que os polígonos industriais e tecnolóxicos queren impulsar para poder deseñar un proxecto de provincia sólido”, sinalaron desde o PSOE

San Cibrao das Viñas, 15 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE vén de manter un encontro con representantes do cinto industrial de Ourense, que aglutina a máis de 13.000 traballadores e traballadoras, para coñecer as demandas dos empresarios e empresarias. Á reunión, que tivo lugar no edificio CEI do Parque Tecnolóxico de Galicia, asistiron o secretario provincial, Rafa Villarino; o secretario de Industria e Desenvolvemento, Darío Barros; o deputado no Parlamento de Galicia, Juan Carlos Francisco e a deputada, Carmen Rodríguez Dacosta e os deputados provinciais, alcaldes e alcaldesas, Nacho Gómez, Susana Rodríguez, Elvira Lama e Álvaro Vila.

Os empresarios e empresarias estiveron representados por Javier Taibo, director xeral do Parque Tecnolóxico de Galicia; José Antonio Rodríguez, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao; Eduardo Cid, presidente do Parque Empresarial de Pereiro e polo presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Barreiros, Alejandro Cruz.

A reunión puxo o seu foco en demandas no ámbito das infraestruturas, captación de novos proxectos empresariais e na descentralización de organismos públicos na provincia. Os cargos do PSOE trasladaron aos representantes empresariais “todo o apoio” para reclamar á Xunta de Galicia e ao Goberno central as súas demandas “dunha forma construtiva”.

Todos os asistentes ao encontro coincidiron na “necesidade” de artellar un sistema de coordinación, no que as administracións públicas centralicen a información e trámites necesarios para a captación de fondos da Unión Europea (UE), que actualmente están aprobados ou que serán aprobados proximamente. Esta foi unha das “demandas nucleares” dos empresariais e empresarias que os e as socialistas “comparten plenamente”.

Por iso, entre as propostas concretas, acordaron trasladar á Deputación de Ourense a necesidade de constituír un “instrumento de colaboración” co Parque Tecnolóxico de Galicia, co fin de canalizar eses trámites sobre proxectos empresariais susceptibles de ser cofinanciados pola UE a través de fondos Next Generation. “É unha necesidade urxente que esta mesma semana imos trasladar á institución provincial para que sexa efectiva á maior brevidade posible”, aseveraron os e as socialistas.

O PSdeG-PSOE tamén explicou ao colectivo a oportunidade que brinda o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con 70.000 millóns de euros en tres anos. Destacaron os 8.600 millóns para impulsar a política industrial e as PEMES, cantidades ás que haberá que sumar os recursos que recolla o Goberno central en cada orzamento ordinario anual.

Desde o PSOE incidiron na “imperiosa necesidade” de impulsar a “transición enerxética e a dixitalización” do sector “porque non hai outra opción” ante os “novos retos industriais, tecnolóxicos e comerciais”, aproveitando o “inaudito” volume de fondos comunitarios mobilizados ou a mobilizar. Así pois, animaron aos representes destas áreas a “aproveitar” os 3.600 millóns mobilizados esta mesma semana polo Executivo central, para dixitalizar empresas de entre 9 e 49 empregados e empregadas e para autónomos e autonómas.

Os e as socialistas tamén defenderon impulsar un “proxecto de provincia” que permita “ordenar” o territorio para facelo “máis atractivo e produtivo” en ámbitos como a produción agrícola, a ordenación forestal ou para a captación de investimentos de sectores estratéxicos en crecemento. “Queremos concretar as estratexias e liñas empresariais que os polígonos industriais e tecnolóxicos queren impulsar para poder deseñar un proxecto de provincia sólido”, sinalaron.

Igualmente coincidiron en avanzar na descentralización en Ourense de órganos da Administración Xeral do Estado e do Goberno galego, unha estratexia que serviría de “impulso transversal” para toda a economía e a demografía.