Deputación de Ourense INICIATIVAS POLÍTICA PROVINCIAL

Esiximos a Feijóo que deixe de incautar o canon da auga para reinvestir os cartos nos concellos

O PSDEG-PSOE RECLAMA A FEIJÓO QUE DEIXE DE “INCAUTARSE MASIVAMENTE” DO CANON DA AUGA PARA REPERCUTIR PARTE DESES CARTOS “EQUITATIVAMENTE” EN OBRAS NOS CONCELLOS

Nacho Gómez asegura que pretenden “poñer no foco nun problema grave” e “cremos que ningún concello se pode opoñer á proposta” porque “o fin último é beneficiar equitativamente” a toda a veciñanza

Desde a ETAP de Ribadavia puxo o exemplo desta vila ourensá onde se recadaron 1,2 millóns desde 2009 a través do canon, fronte a un investimento da Xunta de “cero euros” no mesmo periodo

Ribadavia, 16 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE reclama a Alberto Núñez Feijóo que deixe de “incautarse masivamente” do canon da auga, para que unha parte deses fondos repercutan equitativamente en obras hidráulicas nos concellos da provincia. A través dunha iniciativa que se debaterá no pleno de marzo da Deputación de Ourense, instan á Xunta a que este imposto que recadan os municipios no recibo de abastecemento e saneamento “repercuta cunha porcentaxe fixa anual en obras hidráulicas nos concellos que cumpren as normas fixadas polo propia administración autonómica”.

Os e as socialistas ourensáns consideran “urxente” este cambio nos criterios de distribución, xa que deberían ser “xustos, equitativos e obxectivos”, sendo o concello o “beneficiario máximo da súa propia achega”, con fin último de “repercutir eses cartos en melloras nos servizos municipais”. “É indecente que o señor Feijóo se incaute masivamente destes cartos que deberían beneficiar a todos os veciños e veciñas”, denuncian.

O vicevoceiro na Deputación Provincial, Nacho Gómez, asegura que pretenden “poñer no foco nun problema real e grave” que “non deixa de ser o financiamento dunha das obras máis importantes dos concellos como é o subministro de auga potable”. “É un problema que a Xunta ten que resolver xa” e “cremos que ningún concello se pode opoñer a esta proposta” porque o fin último é “beneficiar equitativamente” a todos os veciños e veciñas.

Desde a ETAP (Estación de Tratamento de Agua Potable) de Ribadavia puxo o exemplo desta vila ourensá, onde se recadaron 1,2 millóns desde 2009 a través deste canon fronte a un investimento da Xunta de “cero euros” neste ámbito no mesmo período. “Esta marxinación e inxustiza non pode seguir”, proclamou antes de sinalar a necesidade de estipular por lei unha “cota fixa” que “reverta equitativamente nos concellos” para que “algúns non sexan discriminados” e para “fomentar o uso racional da auga”.

A Lei de Augas de Galicia asume o principio comunitario de “recuperación de custos dos servizos relacionados coa auga” por parte de todas as administracións participantes no ciclo da auga. Faino mediante a creación deste canon como tributo propio afectado aos programas de gasto da comunidade en materia deste ciclo.

O PSdeG-PSOE recorda que esta recadación a través dos concellos debería ser para financiar actuacións de mellora en materia de abastecemento, saneamento e explotación de depuradoras e para a xestión dos ríos. “Estaríamos de acordo con eses criterios se realmente se cumpriran os obxectivos de forma xusta para todos os municipios”, destacan antes de denunciar que “isto non está a suceder polos caprichos políticos do PP na Xunta” onde “só se decide o dedo”.

“A realidade dista moito do que recolle a norma, producíndose o paradoxo de que hai concellos que fan achegas moi elevadas con este canon, no que os concellos só exercen unha función recadatoria da propia Xunta”, denuncia Gómez. “Esta falta de investimentos céntrase maioritariamente en concellos de diferente cor política á da Xunta, co agravante de que hai concellos que non cobran polo recibo da auga á veciñanza e que si son perceptores de obras por parte de Augas de Galicia”, conclúen desde o grupo provincial socialista.