concellos

Os socialistas de Castrelo acusan a PP e BNG de causar un «caos terrorífico» na contabilidade municipal

O PSDEG-PSOE DE CASTRELO DE MIÑO ACUSA AOS GOBERNOS MUNICIPAIS DO BNG E O PP DE XESTIONAR DE FORMA “PÉSIMA” E CAUSAR UN “CAOS TERRORÍFICO” NA CONTABILIDADE MUNICIPAL

Os socialistas sinalan que a día de hoxe hai 749.521,64 € pendentes de cobro correspondentes aos exercicios do 2004 ao 2021 e dos cales 427.976,06 € xa prescribiron, “polo que non se van a poder cobrar”

A voceira do PSdeG, Catalina González, destaca que esta situación “amosa a ausencia total de xestión no noso municipio ao longo das dúas últimas décadas e deixa en evidencia aos gobernos municipais que non realizaron unha xestión dos recursos públicos correcta”

Ourense, 16 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño acusa aos gobernos municipais do BNG e o actual goberno do Partido Popular, apoiado por tránsfugas, de xestionar as arcas municipais de forma “pésima” e causar un caos “terrorífico” na contabilidade do Concello. Os socialistas sinalan que a día de hoxe hai 749.521,64 euros pendentes de cobro correspondentes aos exercicios do 2004 ao 2021 e dos cales 427.976,06 euros xa prescribiron, polo que non se van a poder cobrar, o que supón que o municipio deixe de recibir unha “importante” cantidade de cartos que podía destinar a cubrir necesidades e servizos sociais que en ocasións teñen que ser cofinanciados pola veciñanza.

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que no último pleno municipal déronse de baixa cobros prescritos por valor de 188.080,54 euros (máis de 31 millóns das antigas pesetas), correspondentes aos exercicios do 2004 ao 2010 e quedan pendentes por dar de baixa, xa que tamén prescribiron outros 239.895,52 euros (máis de 39 millóns de pesetas). Os socialistas remarcan que os gobernos nacionalistas e o actual goberno conservador “non fixeron os deberes ao non reclamar estas cantidades e temos serias dúbidas de senón se cobraron estas cantidades de forma voluntaria ou se houbo algún erro ou despiste”.

 EurosAntigas  Pesetas
TOTAL PENDENTE DE COBRO749.521,64 €124.709.908
COBROS PRESCRITOS427.976,06 €71.209.225
COBROS PRESCRITOS DADOS DE BAIXA188.080,54 €31.293.969
COBROS PRESCRITOS PENDENTES BAIXA239.895,52 €39.915.256
COBROS NON PRESCRITOS321.339,18 €53.466.341

Para o PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño este é o balance de “17 anos de anarquía absoluta na contabilidade municipal, con alcaldes que non se preocuparon nin un só momento de xestionar os recursos municipais”. Os socialistas teñen claro que a responsabilidade recae “tanto nos rexedores que estiveron ao fronte do Concello nestes anos, como tamén das persoas encargadas da contabilidade”. Esíxenlle tanto a PP como a BNG que “non boten balóns fóra” e lémbranlles que as funcións dos alcaldes “son xestionar e administrar os cartos públicos e ser transparentes e exemplares en dita xestión”.

A voceira do PSdeG-PSOE de Castrelo de Miño, Catalina González Álvarez, destaca que esta situación “amosa a ausencia total de xestión no noso municipio ao longo das dúas últimas décadas e deixa en evidencia aos gobernos municipais que non realizaron unha xestión dos recursos públicos correcta”. A edil socialista considera que estes 427.976,06 € xa prescritos “son cartos perdidos por parte dos diferentes gobernos municipais e que se deixaron de investir no noso municipio en temas tan importantes como o reforzo dos servizos sociais ou a mellora das infraestruturas e os servizos municipais”.

González Álvarez tamén fai fincapé en que “ademais destes cartos que se perderon e non se ingresaron, os libros de contabilidade son un caos xa que aparecen conceptos duplicados nun mesmo exercicio e anotacións de compras pendentes de pago, que xa están pagadas, o que demostra a desorganización contable fomentada polo BNG e o PP”. A voceira do PSdeG-PSOE destaca que no último pleno “votei en contra de dar de baixa estes cobros prescritos, xa que teño serias dúbidas de que a contabilidade e os números que nos presentan se axusten ou reflexen a imaxe fiel da situación económica financeira do Concello”.

Os socialistas lembran que no seu día xa pediron a través dunha moción que se realizase unha auditoría municipal e sinalan que o actual equipo de goberno “apoiouna no seu día, pero unha vez entraron no goberno municipal non se levou a cabo”. Consideran que dada a situación “cobra maior forza esta auditoría, posto que as deficiencias na xestión contable son notorias como se pode observar”. Apuntan tamén a que quedan 321.339,18 € pendentes de cobro e que aínda non prescribiron, polo que lle esixen ao actual goberno municipal que “se movan para non seguir perdendo máis cartos”.