BALTAR CONTRATA A DEDO A UNHA EXCONCELLEIRA DO PP DE SANTIAGO PARA XESTIONAR AS REDES SOCIAIS DUN CHIRINGUITO DA DEPUTACIÓN DE OURENSE
A empresa coruñesa Eusyan Consultoría, cuxa administradora única é Reyes Leis, encargarase da comunicación dixital do Inorde a pesar de ser un órgano que gasta anualmente 1,1 millóns en persoal
Villarino denuncia un “despilfarro perfectamente prescincible” que “ten alguna finalidade oculta” e advirte que seguirán “vixiantes” ante a inxente cantidade de cartos públicos “utilizados partidistamente”
Ourense, 18 de marzo de 2022. Manuel Baltar vén de contratar a dedo e pola porta de atrás a unha exconconcelleira do PP de Santiago, para que xestione as redes sociais do Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico), un dos “chiringuitos inútiles” da Deputación de Ourense. A través dun contrato menor, a institución gastará 17.424 euros públicos en contratar á empresa coruñesa Eusyan Consultoría SL, cuxa administradora única é María de los Reyes Leis Rodríguez, edil nos exgobernos conservadores de Compostela de Gerardo Conde Roa, Ángel Currás e Agustín González.
A deputación ourensá xustifica este “dedazo” asegurando que o Inorde “non dispón de medios propios adecuados e suficientes para satisfacer a necesidade obxecto do contrato”, que non é outro que prestar un “servizo de comunicación e márketing”, a pesar de que ao servizo de Baltar e o seu goberno bipartito con Jácome hai numerosas persoas e empresas contratadas expresamente para tarefas de comunicación e xestión de redes sociais.
O voceiro do PSdeG-PSOE, Rafa Villarino, asegura que estamos ante unha “nova contratación a dedo de Baltar non xustificada” porque “no Inorde hai persoal dabondo para atender calquera tipo de continxencia”, xa que “adican máis de 1,1 millóns de euros anualmente a pagar persoal dos dous millóns que suma o orzamento total deste chiringuito, que únicamente realiza un investimento real de 50.000 euros”.
“Todos sabemos que o Inorde é unha institución perfectamente prescindible”, asevera Villarino antes de recordar que estamos “novamente ante nunha contratación no límite económico máximo do contrato menor para poder adxudicar directamente”, sen os controis públicos que si teñen os procedementos abertos de concorrencia competitiva. “Baltar usa a Deputación Provincial como unha oficina sectaria para favorecer os seus intereses persoais”, insisten novamente os e as socialistas de Ourense.

O voceiro asevera que “este novo despilfarro perfectamente prescincible” ten “alguna finalidade oculta que descoñecemos”, polo que desde o PSOE ourensán pregúntanse se realmente “Baltar está contratando a unha exconcelleira do PP con visos a converterse no substituto de Alberto Núñez Feijóo en Santiago”.
Desde o PSdeG denuncian o “abuso constante e masivo” destas “prácticas clientelares” coas que PP e DO “malgastan” cartos públicos “soamente en beneficio dos seus amigos e amigas”. Os socialistas cualifican este tipo de gastos como un “dispendio innecesario” que “evidencia” como o presidente ourensá e sus “secuaces” usan as institucións “sectariamente para favorecer os seus intereses” e non “para o ben común”. Así pois, advirten que seguirán “vixiantes” ante a inxente cantidade de cartos públicos “utilizados reiteradamente de xeito partidista”.