O PSDEG-PSOE DE MACEDA DENUNCIA QUE O ORZAMENTO MUNICIPAL PARA O 2022 VISUALIZA A FALTA “TOTAL” DE XESTIÓN E “AGRAVA” A SITUACIÓN ECONÓMICA DAS ARCAS MUNICIPAIS
Os socialistas sinalan que as contas “son totalmente irreais” e inclúen unha partida de ingresos estimada en 2.672.610 €, algo que segundo sinalan “é imposible de alcanzar e vai xerar números negativos”
O voceiro do PSdeG-PSOE de Maceda, Xabier Oviedo, relata que estas contas “lonxe de resolver a situación, o que fan de xeito cada vez máis contundente é levarnos a ruína total, e converter o Concello de Maceda nunha pedanía gobernada xa non se sabe moi ben por quen”
Ourense, 21 de marzo de 2022. O PSdeG-PSOE de Maceda denuncia que orzamento municipal para o 2022 visualiza a falta “total” de xestión e “agrava” a situación económica das arcas municipais. Os socialistas relatan que no pleno extraordinario celebrado o pasado venres “quedou reflexada, unha vez máis, a nula xestión” por parte do alcalde de Maceda, o popular Rubén Quintas. Un pleno no que co voto favorable de Partido Popular, Espazo Común e o ex concelleiro de Ciudadanos aprobáronse unhas contas que para o PSdeG-PSOE “son totalmente irreais”.
Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que nos orzamentos inclúese unha partida de ingresos estimados de 2.672.610 euros, algo que segundo sinalan “é imposible de alcanzar, e polo tanto, o que vai xerar é un resultado orzamentario a final de ano de números negativos, algo que ven sendo unha tónica habitual nesta lexislatura”. Unha situación que para os socialistas ven motivada polo feito de que “para cadrar o orzamento, teñen que facer medrar o apartado de ingresos, xa que o de gastos, e debido a mala xestión do goberno municipal, vaise incrementando ano tras ano, sen repercutir positivamente no noso Concello”.
O PSdeG-PSOE de Maceda tamén lamenta que no citado orzamento, a partida de investimentos leva unha cantidade “irrisoria” de 29.793,99 euros, nun orzamento de 2.672.610 €. Para os socialistas este “é un indicador claro da pésima xestión económica que estamos a padecer no Concello por parte dos nosos gobernantes e que amosa de xeito claro a falta de proxecto e traballo en equipo que padece a actual corporación municipal de Maceda”.
O voceiro municipal dos socialistas de Maceda, Xabier Oviedo, destaca que Maceda “necesita un orzamento que aposte polos investimentos, pero non só en servizos como parecen confundir, senón investimentos reais en políticas de rehabilitación de vivendas no rural para logo poñelas no mercado a un prezo razoable, tratando así de recuperar veciños e veciñas tanto nas aldeas como na propia vila”.
O voceiro socialista remarca o voto en contra do PSOE aos orzamentos de 2022, xa que tal e como relata “entendemos que lonxe de resolver a situación, o que fai de xeito cada vez máis contundente é levarnos a ruína total, e converter o Concello de Maceda nunha pedanía gobernada xa non se sabe moi ben por quen”. Para Oviedo, a única finalidade desta forma de actuar do PP e os seus socios “é tratar de manter os servizos cos que conta na actualidade o municipio, sen ningún viso de mellorar nin recuperar a situación de prestixio que definiu a Maceda noutros tempos”.
Os socialistas deixan clara a súa postura e fan fincapé en que “resulta lamentable que dun goberno do Partido Popular en minoría ao principio da lexislatura, se remate con esta pésima xestión ao amparo dos apoios da concelleira de Espazo Común e do ex concelleiro de Ciudadanos”. Dende o PSdeG-PSOE de Maceda apuntan a que “de pouco serve tanta candidatura nas eleccións municipais, con todas elas reclamando un cambio no xeito de gobernar, cando despois se converten en cómplices dese desgoberno que tanto criticaban”.