ConMemora

Acordo entre o socialismo de Ourense e o Norte de Portugal para desenvolver e promover ambos territorios

O PSDEG-PSOE E O PS DE PORTUGAL IMPULSAN UN ACORDO PARA PROMOVER E DESENVOLVER OS TERRITORIOS IRMÁNS DE OURENSE E O NORTE DE PORTUGAL A TRAVÉS DE DIFERENTES POLÍTICAS DE DESENVOLVEMENTO

Aproveitando a celebración de `ConMemora´ presentouse un acordo no que se formaliza o compromiso de ambos territorios a colaborar, impulsar e desenvolver lazos de unión, aprobándose a creación dunha comisión mixta de traballo que se reunirá con periodicidade semestral, alternando sedes en Portugal e España

Ourense, 24 de abril de 2022. Co gallo da primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán, que contou coa presenza de representantes socialistas de Ourense e o Norte de Portugal, presentouse un acordo, que se asinará próximamente, no que se formaliza o compromiso de ambos territorios coa visión de irmanamento e cooperación, aprobándose a creación dunha comisión mixta de traballo que se reunirá con periodicidade semestral, alternando sedes en Portugal e España.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que Galicia e o norte de Portugal “constitúen un territorio único, singularmente, construído con base en profundas relacións históricas de veciñanza e de intercambio social, cultural e económico, que actualmente configura unha Eurorrexión en busca do seu pleno recoñecemento político e institucional na Comunidade Europea”. Destacan tamén que “é obxectivo das mulleres e homes socialistas de ambos territorios substituír as fronteiras por lazos de unión e convivencia que axuden a construír un imaxinario colectivo e un espazo común, próspero e plural”.

Unha unión que segundo destacan os socialistas “non debe limitarse aos 24 municipios que lindan entre ambos países, 17 en Ourense (Padrenda, Quintela de Leirado, Verea, Lobeira, Entrimo, Lobios, Muíños, Calvos de Randín, Baltar, Cualedro, Oímbra, Monterrei, Verín, Vilardevós , Riós, A Gudiña e A Mezquita) e 7 de Portugal (Melgaço, Arcos de Valdevez, Ponte da Barca, Terras de Bouro, Montalegre, Chaves e Vinhais), se non que deberá abranguer toda a provincia de Ourense e os catro distritos do norte portugués, porque consideramos que ambos territorios comparten problemas e oportunidades de desenvolvemento”.

Inicialmente, serán parte desta comisión as alcaldías socialistas que estreman entre ambos países, así como a representación do PS nos distritos de Viana do Castelo, Braga, Vila Real e Bragança e en calquera lugar que este partido considere adecuado, e do PSdeG-PSOE en Galicia e Ourense, e comprometese a promover os seguintes ámbitos territoriais para impulsar políticas de desenvolvemento mutuo óptimas:

  1. Infraestruturas de conexión e transporte internacional.
  2. Reto demográfico, igualdade e políticas sociais.
  3. Turismo e termalismo.
  4. Cultura e patrimonio.
  5. Sustentabilidade medioambiental, aproveitamentos enerxéticos, protección e promoción de recursos naturais.
  6. Agricultura, pesca e gandería.
  7. Saúde.
  8. Educación, formación e investigación.
  9. Comercio.
  10. Industria e desenvolvemento.
  11. Dixitalización.
  12. Dereitos e liberdades.
  13. Emigración e inmigración.