O PSDEG-PSOE CELEBRA CONMEMORA UNHA XORNADA DE IRMANAMENTO ENTRE O SOCIALISMO OURENSÁN E DO NORTE DE PORTUGAL PARA PROMOVER E DESENVOLVER AMBOS TERRITORIOS
Durante o acto procedeuse á entrega dos premios ‘ConMemora’ ao compromiso político, á solidariedade, á igualdade, á sustentabilidade e á cooperación internacional
Ourense, 24 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar a primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán ‘ConMemora’, que alude ás orixes do socialismo en Ourense, e que se celebrou esta mañá na Peroxa, baixo o lema “olladas de futuro en tempos complexos”. Na previa da xornada, tamén tivo lugar unha reunión da Executiva Provincial no auditorio deste municipio ourensán.
O acto comezou coa entrega dos premios ‘ConMemora’ nas súas diferentes categorías. O premio ao compromiso político recaeu no histórico militante socialista e fundador da agrupación socialista na cidade de Ourense, Xosé Rivera Rodríguez. O premio á solidariedade foi outorgado nesta primeira edición aos concellos de Trives e Ribadavia, en recoñecemento pola súa labor e traballo cos refuxiados de Ucraína. O premio á igualdade outorgouse ao concello de Ramirás, polo seu traballo neste senso. O concello de Amoeiro foi recoñecido polo seu traballo a prol da sustentabilidade, e por último, o premio á cooperación internacional entregouselle aos concellos de Chaves e Verín pola súa loita en común pola EuroCidade.









‘ConMemora’ contou tamén coas intervencións da exministra de Sanidade e actual presidenta da Fundación Pablo Iglesias, María Luis Carcedo; do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso; do presidente da Cámara de Chaves, Nuno Vaz; de Roman Minsko, representante do colectivo de refuxiados de Ucrania; do voceiro socialista na Peroxa, Antonio González Fiuza e do secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafa Villarino. Tamén estiveron presentes no acto os alcaldes de Montealegre, Orlando Alves; Vilanova de Cerveira, Rui Teixeira; e Camiña, Miguel Alves.






O secretario provincial, Rafa Villarino, destacou que esta xuntanza, que coincidiu co aniversario dos 181 anos da voda dos pais do fundador do PSOE, Pablo Iglesias Posse en Ourense, “aproveitámola para pór en valor os valores do PSdeG-PSOE e para proxectar un partido que ten que ser a solución e a esperanza para o futuro e o desenvolvemento desta provincia”.
O acto contou tamén coa actuación musical da agrupación musical de Barbadás, que interpretou entre outros temas o himno galego e o Grandola Vila Morena, en homenaxe aos pobos galegos e portugués. Posteriormente celebrouse un xantar no que participaron arredor de 400 persoas chegadas de diferentes puntos da provincia, de Galicia e tamén do norte de Portugal.




