O PSDEG-PSOE DE OURENSE INDAGARÁ ATA O FINAL OS INTERESES “PERSOAIS”, “ECONÓMICOS” E “ELECTORALISTAS” DE JÁCOME COA LICITACIÓN DA PRAZA DE ABASTOS NÚMERO 2 DA PONTE
Os socialistas defenden que as “ansias” do rexedor por abrir a praza de abastos non poden hipotecar un proxecto “estratéxico” para a cidade e alertan que “non imos permitir que ninguén faga negocio coa licitación, nin que se explote de maneira irregular esta infraestrutura”
Denuncian que o procedemento de licitación “arroxa sombras, xa non só pola solvencia económica da licitadora, ou pola súa falta de experiencia no sector, senón polos intereses espurios de Jácome”
Ourense, 25 de abril de 2022. O PSdeG-PSOE de Ourense indagará ata o final os intereses “persoais”, “económicos” e “electoralistas” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, coa licitación da praza de abastos número 2 da Ponte. Os socialistas defenden que as “ansias” do rexedor por abrir a praza de abastos non poden hipotecar un proxecto “estratéxico” para a cidade e alertan que “non imos permitir que ninguén faga negocio coa licitación, nin que se explote de maneira irregular unha infraestrutura que ten que ser clave para o desenvolvemento económico do barrio da Ponte”.
Dende o Grupo Municipal Socialista tamén deixan claro a súa postura favorable para que se proceda a apertura da praza de abastos, pero segundo explican “conforme a legalidade e con todas as garantías de que cando se abra perdure no tempo e non sexa unha apertura duns meses ou dun ano”. Os socialistas lembraron que Jácome comprometeuse no seu día a abrir a praza de abastos da Ponte nun prazo de 90 días, pero segundo manifestan “levamos case 3 anos e continúa pechada”.
Os socialistas tiveron acceso ao expediente de licitación da xestión da praza de abastos da Ponte, onde comprobaron que se lle notificou a licitadora un prazo de emendas para arranxar a solicitude e poder optar a xestión da praza. Esta notificación realizouse o 12 de abril e remataba o pasado día 22, pero tal e como explican dende o PSdeG-PSOE de Ourense “temos coñecemento de que as numerosas eivas non foron corrixidas”.



Neste senso, os socialistas denuncian que o procedemento “arroxa sombras, xa non só pola solvencia económica da licitadora, ou pola súa falta de experiencia no sector, senón porque afloran intereses comerciais e persoais de Jácome”. Tamén alertan da posibilidade de que apareza un aval técnico a esa licitadora, “que só podería aparecer para a xestión da cafetería-restaurante” e lembran que no prego recóllese que “hai que abrir todos os postos da praza e non só a parte da cafetería, xa que se incumpriría”.
A vicevoceira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, resaltou que no caso de que non se emenden os erros, “o concurso volverá a quedar deserto e o alcalde non poderá cumprir a súa ansiada promesa”. A edil socialista tamén destacou que “imos estar enriba para que non pasen cousas estrañas” e fixo fincapé en que a praza de abastos da ponte “ten que ter unha xestión integral, un proxecto estratéxico e ser un factor de dinamización comercial para a próxima década, e non un chiringuito para os amigos de ninguén”.
Beneitez González tamén alertou que para abrir a praza “hai que acreditar solvencia económica, e a empresa que presentou a oferta, non pode acreditala por si mesma e tampouco presenta un proxecto de explotación para a xestión”. A vicevoceira do grupo municipal socialista tamén puxo o foco en que a licitadora “terá que asumir 200.000 euros para a posta en funcionamento e a apertura da praza, pero creemos que o Concello asumirá ese pago cos cartos de todos e todas, salvando a licitadora de facer ese investimento”.
Pola súa banda, o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinalou que esta situación “non pode durar máis, xa que ía para 3 meses e levamos 3 anos”. Neste senso tamén destacou que o barrio da Ponte “non pode seguir nesta situación, porque o edificio permanece pechado e o Concello de Ourense está perdendo a oportunidade de ingresar cartos”. O líder dos socialistas ourensáns puxo como exemplo o caso da praza de abastos número 1 “onde se perderon 3,5 millóns de euros de axudas do Estado e non hai ningún responsable deste xeito de actuar”.
Rodríguez Villarino tamén se preguntou “que vai facer agora o PP?, cando a concelleira, Sonia Ogando, asume a área de comercio” e destacou que “todos sabemos que o alcalde está negociando fóra do foco”. O secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense tamén sinalou que os socialistas “imos buscar os responsables destes desmáns económicos” e apuntou que “imos a facer todo o posible para buscar alternativas e promover iniciativas para que sexa posible abrir a praza de modo legal e coherente”.